Neste momento estás a ver O BNG reclama no Parlamento a actuación da Xunta fronte ao estado ruinoso do edificio da antiga Cámara Agraria de Carballo

O BNG reclama no Parlamento a actuación da Xunta fronte ao estado ruinoso do edificio da antiga Cámara Agraria de Carballo

O Parlamento insta a Xunta de Galiza a adoptar de forma inmediata as actuacións que sexan necesarias no antigo edificio da antiga Cámara Agraria de Carballo, sito na Avenida da Milagrosa, para solucionar o perigo certo que supón o estado do mesmo para a seguridade e integridade física das persoas.” Esta é a parte resolutiva da proposición non de lei que vén de presentar no Parlamento de Galiza o deputado do BNG Daniel Pérez ante o avance da situación de ruína, e de conseguinte risco, que presenta o inmoble, de titularidade autonómica.

O BNG rexistrou tamén dúas preguntas co obxectivo de coñecer se o Goberno galego ten coñecemento da situación, se hai xa un informe técnico sobre o estado do edificio, se ten previsto adoptar algunha medida e, nese caso, que opcións se valoran.

Todas estas iniciativas parlamentarias deunas a coñecer o propio deputado carballés acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e pola concelleira de Planificación, Milagros Lantes, nunha comparecencia pública que tivo lugar xunto ao edificio. Daniel Pérez incidiu no emprazamento da antiga Cámara Agraria, xunto a un parque infantil, á capela da Milagrosa, á zona na que se celebran as feiras dominicais e ao centro social Escola de Arrabaldes, que vén de ser acondicionado polo Concello de Carballo dentro dun amplo plan de rexeneración do barrio que se vén desenvolvendo nos últimos anos.

O alcalde de Carballo lembrou que xa no 2013 a corporación municipal adoptou un acordo unánime instando á Xunta a ceder o inmoble ao Concello para proceder á súa demolición e recuperar o espazo que ocupa para a cidadanía. Tamén comentou que no pasado mes de outubro un técnico de Patrimonio da Xunta de Galiza achegouse ata Carballo para revisar o estado do inmoble, pero, aínda que se descoñece o contido do seu informe, “entendo que deberá concluír o mesmo que conclúen os técnicos municipais: que o edificio está en ruína técnica”, manifestou Evencio Ferrero.

Podes escoitar as declaracións no vídeo e tamén podes descargar de seguido as iniciativas presentadas no Parlamento de Galiza.

Proposición non de lei

Pregunta para resposta oral

Pregunta para resposta escrita

[embedyt] https://www.youtube.com/watch?v=WtTMdJU9fEQ[/embedyt]