Neste momento estás a ver O PP pode estar tranquilo pola calidade das obras do Concello de Carballo e controlar máis as poucas que fai a Xunta

O PP pode estar tranquilo pola calidade das obras do Concello de Carballo e controlar máis as poucas que fai a Xunta

O PP pode estar tranquilo pola calidade das obras que executa o Concello de Carballo. O grupo de goberno do BNG tampouco aceptará, como non fixo nunca, que se recepcione “de cualquier manera” nin a obra da rúa Barcelona nin de ningunha outra. Nestes momentos o Concello de Carballo ten en marcha a reurbanización de catro rúas da zona urbana, dous centros sociais, varios proxectos de saneamento e de melloras viarias no ámbito rural, unha senda peonil e ciclista de acceso ao polígono ou a instalación de servizos na futura senda cara Coristanco. E poden estar seguros de que todas e cada destas actuacións, entre outras moitas que temos en marcha, contan coa supervisión dos técnicos municipais, perfectamente cualificados e nos que temos depositada a nosa total confianza, ao contrario, polo que se ve, que outros grupos municipais.

Somos conscientes do retraso que leva a rúa Barcelona e das molestias que as obras están a causar entre a veciñanza, e precisamente por iso témoslle aberto un expediente de rescisión á empresa construtora. As “ameazas” deixámosllas a outros. Os técnicos municipais controlan a diario os traballos coa finalidade de que non só acaben no novo prazo fixado, senón de que rematen ben. Ese é o noso obxectivo, no que estamos centrados, e no que contamos coa máxima colaboración por parte dos servizos técnicos.

No BNG non só nos preocupamos e nos interesamos polas obras promovidas dende o Concello, senón tamén polas que levan a cabo outras Administracións no noso territorio. Preocúpanos a rúa Barcelona, pero tamén a reforma integral que está a acometer a Xunta de Galicia no CEIP Fogar. “La lista de desgracias que sufre la comunidad educativa del colegio Fogar desde que comenzó el curso hace pensar si habrá valido la pena que Educación invirtiera 1,4 millones de euros en la mejora porque la realidad es que el colegio está peor que antes”, recollía recentemente a prensa local. A nós preocúpanos, e moito, a seguridade dos 800 nenos e nenas escolarizados no segundo colexio público máis grande de Galicia, e por iso dende o goberno municipal estamos en contacto permanente coa dirección do centro e coa Consellería de Educación, dentro da lealdade institucional que nos caracteriza e da que seguiremos a facer gala aínda que poucas veces sexa correspondida por parte do PP.

Nos últimos días estamos asistindo no noso concello a un auténtico desembarco de autoridades populares, incluído o presidente da Xunta, algo que só se pode atribuír ao nerviosismo de quen se enfronta a una cita electoral na que se xoga tanto como a continuidade do goberno popular. De feito, o que se anunciou como unha visita institucional foi, en realidade, unha sucesión de promesas electorais (circunvalación, ampliación do polígono…) que forman parte da enorme débeda acumulada pola Xunta con Carballo dende que goberna o PP.

Xa para rematar, señoras e señores do PP de Carballo, antes de dicir cousas como que “xa están a pleno rendemento as obras financiadas pola Xunta de Galicia da senda peonil que unirá Carballo e Coristanco”, infórmense. As obras que se están executando corresponden á instalación dos servizos e son financiadas integramente polo Concello de Carballo, como se acordou nun pleno no que vostedes tamén participaron e votaron. A parte que lle corresponde facer á Xunta, por certo, aínda non está contratada.