Neste momento estás a ver O BNG reúne a militantes de Bergantiños nunha xornada de formación sobre política municipal

O BNG reúne a militantes de Bergantiños nunha xornada de formación sobre política municipal

Unha trintena de persoas participarán este sábado 1 de febreiro nunha xornada de formación sobre política municipal organizada pola asemblea comarcal do BNG de Bergantiños coa intención de achegar á militancia as cuestións técnicas fundamentais na xestión diaria dos concellos. Entre os/as participantes na xuntanza, que se celebrará no Fórum Carballo, estarán concelleiros/as en activo, tanto no goberno coma na oposición, dos distintos concellos bergantiñáns.

A xornada de formación comezará ás 10.30 horas e estará dividida en varios bloques nos que se abordarán diferentes aspectos da política municipal. A primeira intervención correrá a cargo de Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, e Belén Lendoiro, concelleira de Facenda, que se centrarán no orzamento municipal e a fiscalidade, así coma na tramitación de procedementos. A continuación será a quenda de Milagros Lantes, concelleira de Planificación, Estratexia Urbana e Contratación, e Luis Lamas, concelleiro de Obras e Servizos, que tratarán sobre os plans xerais de ordenación municipal, o deseño urbano e os servizos. Tras unha pausa tomará a palabra o concelleiro carballés e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, para centrarse no POS+ e as axudas provinciais. Pecharán a xornada de mañá os concelleiros Xoán Sande, da Laracha, e Marcos Trigo, de Carballo, que se referirán á elaboración de mocións e preguntas e o deseño da iniciativa política dende o punto de vista da oposición e do goberno, respectivamente.

Tras o xantar será o momento de extraer conclusións da xornada, que responde ao interese da militancia nacionalista de Bergantiños por coñecer o funcionamento da Administración local tomando como modelo o Concello de Carballo, un referente a nivel galego en diversas áreas da xestión municipal.