Neste momento estás a ver Resposta ao PP: A reforma da travesía de Bértoa é un proxecto tan necesario que a Xunta debería telo acometido hai tempo

Resposta ao PP: A reforma da travesía de Bértoa é un proxecto tan necesario que a Xunta debería telo acometido hai tempo

O BNG está totalmente de acordo co PP en que a reforma da travesía de Bértoa é un proxecto “necesario”, e por iso non entende que os sucesivos gobernos populares da Xunta de Galicia, que é a titular da vía, non o teñan acometido malia as reiteradas solicitudes realizadas polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que mesmo se ten comprometido a achegar unha porcentaxe do investimento preciso. Pero, unha vez máis, a lealdade institucional do BNG non foi correspondida. De feito, dende o ano 2000 existe un protocolo asinado entre as dúas Administracións segundo o cal a Xunta se comprometía a acometer por tramos o arranxo de toda a travesía da AC-552, pero só se levaron a cabo as dúas primeiras fases e quedaron pendentes as avenidas de Bértoa e Fisterra.

IMG_2450

Para o PP de Carballo, a travesía de Bértoa só existe en períodos electorais. Na campaña das municipais Miguel Ferreiro comprometíase a xestionar coa Xunta esa obra, que cualificaba como “prioritaria e fundamental”, e da que mesmo chegou a amosar uns planos nun acto electoral. Pero nin o grupo municipal nin o deputado carballés que forma parte do Goberno da Xunta teñen dado, que se saiba, nin un só paso nese sentido.

O goberno do BNG si. Nada máis coñecer o proxecto de sendas peonís presentado recentemente pola Xunta, os técnicos do Concello de Carballo puxéronse en contacto cos da Xunta para coñecer os pormenores da actuación prevista. E foi a raíz desa xuntanza cando o goberno municipal decidiu encargar un proxecto para aproveitar esa obra para acometer os servizos de auga, saneamento, augas pluviais, luz, gas, telefonía e datos en todo ese treito, dende a rotonda de acceso ao polígono ata a do cruce das rúas Vázquez de Parga e Gran Vía. Por certo que ese proxecto xa está en fase de elaboración e o Concello de Carballo ten falado xa cos propietarios dos terreos, xa que a Xunta quere eludir as expropiacións.

Insistimos en que a travesía de Bértoa forma parte dunha estrada de titularidade autonómica, polo que as obras de reforma deberían ser acometidas pola Xunta. Pero, aínda así, como o que preocupa ao goberno municipal de Carballo é a seguridade da cidadanía e, polo tanto, que a obra se faga canto antes, Evencio Ferrero ten ofrecido aos distintos conselleiros da área, moi recentemente tamén a Ethel Vázquez, a colaboración do Concello de Carballo para financiar ata o 30 % do custe do proxecto. Máis facilidades non podemos dar. E se a travesía de Bértoa non se fai será porque a Xunta de Galicia, na que goberna o partido de Miguel Ferreiro, non quere.