Neste momento estás a ver Carlos Callón: “Hai que carballizar Galiza”

Carlos Callón: “Hai que carballizar Galiza”

IMG_2988

Coincidindo co 1º aniversario da constitución da actual corporación municipal e dunhas eleccións históricas nas que o BNG acadou a maioría absoluta, contraprogramamos o televisivo #TeatroA4 e convertemos Carballo no centro da campaña electoral en Galiza. Escollemos o Xardín Municipal, un punto neurálxico dentro dun concello “vivo, dinámico, con iniciativa e con proxectos de futuro”, como o definiu Evencio Ferrero, e tamén emblemático, xusto ao lado do Mercado Municipal, un edificio que puido ser obxecto dunha renovación integral grazas á presenza do BNG no Parlamento do Estado. “Somos herdeiros orgullosos de vinte anos de traballo parlamentar do BNG no Congreso dos Deputados”, engadiu.

O alcalde de Carballo, que abriu o acto central da campaña das Eleccións Xerais na comarca de Bergantiños, insistiu en que estes seis meses “de lexislatura frustrada amosaron de novo a necesidade da nosa presenza no Congreso dos Deputados para rematar, outra volta, coa procesión de caladiños, coa longa noite de pedra de inexistencia de Galiza nos debates estatais. Este tempo serviu para demostrar que Galiza non está se non está o BNG. Nunca virá de fóra remedio ou esperanza, e Galiza non estará se non está BNG-Nós Candidatura Galega”.

IMG_2999

Nun Parlamento no que non haberá maiorías absolutas, a presenza do BNG é máis importante que nunca por moitos motivos. Como explicou Lucía Veciño, número 6 da candidatura pola Coruña, para “frear o espolio dos nosos recursos”, para rematar coas “políticas nefastas” que provocaron e consentiron o roubo das preferentes ou que están obringando ás mozas e mozos de hoxe a ser emigrantes retornados o día de mañá. “Pero ante este panorama non podemos resignarnos, porque aínda nos queda unha baza por xogar para o 26 de xuño. Esta candidatura que confía en nós mesmas e loita por deixar de ser os últimos, por deixar de estar sempre ao fondo á dereita”, reivindicou.

Reivindicativo tamén Paco Souto, percebeiro, portavoz do BNG no Concello de Malpica e número 3 da candidatura, contra a presenza devastadora de Ence nas nosas rías e contra a política pesqueira que nos impide pescar. “Temas o peixe. Temos as ferramentas. Temos a vontade. Só nos falta o peso político, a soberanía para decidirmos ser Feroes. Hei berrar con Ana Miranda: Galiza, nazón pesqueira!”.

Tanto Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, como Carlos Callón, número 1 da candidatura de BNG-Nós pola Coruña, puxeron Carballo como exemplo das políticas que poden e deben facerse dende as Administracións Públicas. “Hai que carballizar Galiza”, insistiu Carlos Callón.