Neste momento estás a ver O BNG presenta O Anllóns 45 coa forza dun equipo que combina experiencia, renovación e ilusión polo futuro de Carballo
Presentación do Anllóns 45

O BNG presenta O Anllóns 45 coa forza dun equipo que combina experiencia, renovación e ilusión polo futuro de Carballo

No BNG de Carballo presentamos o número 45 do boletín O Anllóns coa confianza no traballo realizado e coa ilusión de seguir transformando o noso concello. A fotografía da portada resume esa vontade: un equipo unido, con experiencia e con ganas de afrontar os retos que temos por diante. O mellor equipo para o Carballo que vén é o lema dunha edición na que explicamos de onde vimos, que estamos facendo e cara a onde queremos avanzar.

Na presentación participaron a nosa responsable local, Inés Rodríguez; o responsable de Galiza Nova de Bergantiños, Gabriel Rodríguez; o exalcalde Evencio Ferrero e o alcalde, Daniel Pérez, acompañados pola práctica totalidade do grupo municipal. Unha presenza que expresa a forza colectiva deste proxecto: persoas que asumiron responsabilidades en distintas etapas, que continúan traballando desde o goberno e a organización e que se incorporan agora con novas ideas.

Inés Rodríguez puxo o acento, precisamente, nesa continuidade. O cambio na Alcaldía abre unha nova etapa dentro dun proxecto compartido, cun programa e cun equipo que segue avanzando. A experiencia acumulada e a renovación forman parte da mesma vontade de servizo a Carballo.

Un equipo que mira cara adiante

Daniel Pérez detívose na fotografía da portada, na que aparece o grupo de goberno sorrinte, como expresión da maneira de traballar e de afrontar esta etapa: “Iso tamén amosa como nos sentimos, como traballamos e tamén a satisfacción co traballo feito e ilusión polo traballo que nos queda por facer”.

O alcalde situou a transformación de Carballo no centro do proxecto político do BNG. “Eu creo que esa é a palabra clave deste proxecto do BNG, transformación”, afirmou, e vinculou ese obxectivo coa escoita e coa atención ás necesidades dos veciños e das veciñas.

O boletín recolle actuacións concretadas no último ano e proxectos que proceden do traballo desenvolvido anteriormente. Entre os exemplos destacados na presentación figura o acordo coa Fundación Amancio Ortega para financiar integramente, con 7,8 millóns de euros, a construción e o equipamento do futuro edificio das entidades sociais.

Daniel Pérez salientou tamén a vontade de manter o equilibrio entre os investimentos no ámbito urbano e a mellora dos servizos básicos no rural, como parte dunha acción de goberno dirixida ao conxunto do concello.

A confianza da veciñanza, un estímulo para seguir

O Anllóns dedica unha dobre páxina aos resultados dunha sondaxe que apunta ao mantemento da maioría absoluta do BNG. Durante a presentación, estes datos valoráronse como un estímulo para continuar traballando e como unha mostra da importancia de conservar o respaldo social.

Evencio Ferrero reivindicou a traxectoria do nacionalismo no concello: “Levamos moitos anos, moitos anos, traballando por Carballo, para facer de Carballo un lugar para vivir”. O exalcalde expresou o seu apoio ao equipo actual e á continuidade dese labor, e sinalou que o boletín permite coñecer con máis detalle tanto as actuacións recentes como as propostas de futuro.

As páxinas centrais incorporan, ademais, un código QR para acceder á conversa entre Evencio Ferrero e Daniel Pérez. O encontro permite achegarse á súa visión do concello, á experiencia de gobernar e aos desafíos da nova etapa.

Ferrero destacou tamén o esforzo colectivo que fai posible a publicación e reivindicou a súa independencia dos recursos municipais: “Sempre se fixo co esforzo do BNG, o esforzo dos compañeiros e compañeiras do goberno municipal”.

Presentación do Anllóns 45A confianza gáñase traballando

As páxinas dedicadas á sondaxe recollen un respaldo que nos anima a continuar: os resultados apuntan ao mantemento da maioría absoluta do BNG. Recibímolos como un estímulo e cunha responsabilidade clara. A confianza da veciñanza hai que correspondela con traballo, proximidade e capacidade para resolver.

Evencio Ferrero expresouno desde a experiencia dunha longa traxectoria de compromiso co concello: “Levamos moitos anos, moitos anos, traballando por Carballo, para facer de Carballo un lugar para vivir”.

Ese traballo continúa. O relevo na Alcaldía permitiunos abrir unha nova etapa sobre unha base sólida, cun equipo que coñece o municipio e cun proxecto que conserva a ambición de melloralo. Nas páxinas centrais incluímos un código QR para acceder á conversa entre Evencio e Daniel: unha oportunidade para coñecer as súas reflexións sobre o camiño percorrido e o futuro de Carballo.

Unha organización que se renova

O futuro do noso proxecto constrúese tamén coa incorporación de novas xeracións. Gabriel Rodríguez, responsable de Galiza Nova de Bergantiños e protagonista dunha entrevista neste número, compartiu a súa disposición a asumir responsabilidades: “Estou encantadísimo de coller esta responsabilidade”. Na súa intervención lembrou que “na miña casa sempre se falou de política”, unha experiencia que vinculou coa súa vontade de participar e contribuír á sociedade.

Evencio destacou tamén a presenza de xente nova no recente mitin do BNG en Carballo: “Facía moitísimos anos que non eramos capaces de conseguir iso”. Esa participación achega ideas, enerxía e capacidade para seguir facendo medrar a organización e o seu compromiso co país.

Co boletín O Anllóns, que está a disposición de toda a veciñanza e que repartiremos na feira do domingo, queremos explicar o que facemos, compartir as nosas propostas e manter unha relación directa coa veciñanza. Chegamos ao número 45 grazas ao compromiso das persoas que sosteñen esta publicación e o proxecto do BNG.