Neste momento estás a ver O BNG de Carballo valora moi positivamente as obras de reurbanización do barrio do Chorís

O BNG de Carballo valora moi positivamente as obras de reurbanización do barrio do Chorís

Marcos Trigo e Evencio Ferrero durante a visita ás obras

O grupo municipal do BNG de Carballo realizou unha valoración moi positiva das obras de reurbanización que se están a levar a cabo no Chorís, xa que transformarán substancialmente un barrio moi dinámico e polo que pasan cada día milleiros de persoas entre residentes e usuarios das instalacións deportivas e dos centros escolares. O alcalde, Evencio Ferrero, acompañado polos concelleiros Luis Lamas e Marcos Trigo, realizou unha visita ás obras, que supoñen o investimento máis importante realizado na zona dende os anos 70. Evencio Ferrero reiterou o compromiso do seu goberno cos investimentos nos barrios e nas parroquias, que serán prioritarios neste mandato.
O proxecto do Chorís inclúe a renovación de todas as canalizacións, a reordenación do tráfico mediante cambios de dirección (algúns xa operativos) e unha glorieta, o acondicionamento de dúas amplas zonas de aparcamento, a plantación de árbores, a apertura dun novo acceso ao CEIP Fogar e a construción dunha pista perimetral de 1,5 metros de ancho que poderá utilizarse tanto para paseo coma para correr.

O goberno municipal de Carballo apela á comprensión dos residentes e usuarios dos servizos situados no barrio coas molestias inevitables que leva aparellada calquera intervención na vía pública. As obras teñen un prazo de execución de 9 meses, pero os responsables municipais agardan que poida acurtarse. O Concello de Carballo está a investir 344.420 euros na reurbanización da contorna do IES Alfredo Brañas, o CEIP Fogar e o complexo deportivo Vila de Noia, e está valorando a posibilidade de reinvestir no barrio a baixa de 120.000 euros realizada pola empresa construtora, Oviga.