Neste momento estás a ver O BNG insta aos grupos políticos a manter unha postura unánime contra o vandalismo e na defensa dos intereses municipais

O BNG insta aos grupos políticos a manter unha postura unánime contra o vandalismo e na defensa dos intereses municipais

O grupo municipal do BNG de Carballo lamenta a “falta de previsión” dos edís de Terra Galega pola súa tardanza en comunicar o risco de inundación da Biblioteca Rego da Balsa sabendo que se ía producir, como se desprende das súas declaracións. O goberno municipal tamén quere agradecerlles as achegas sobre arquitectura e seguridade, pero o BNG prefire deixar que sexan os técnicos os que resolvan as cuestións técnicas. Sobre as capacidades premonitorias de Andrés Eirís, que fixo unha estimación económica dos danos antes que o perito da compañía de seguros, e de José Bello Pallas, que dubida de que o seguro vaia cubrilos, os nacionalistas prefiren esperar aos resultados da peritaxe e consideran que TeGa debería ser máis prudente nas súas predicións: tamén auguraban antes das eleccións que o BNG ía ter 8 concelleiros e eles 5, pero a realidade é que o BNG ten 11 e TeGa só 3.

Malia a ironía, o grupo municipal do BNG considera moi graves os feitos e agarda que se esclareza a súa autoría para esixir as responsabilidades que correspondan. Pero tamén opina que é moi difícil, por non dicir imposible, prever un acto vandálico e moito menos as súas consecuencias. O que si se pode facer, e así o fixo o goberno municipal tras a inundación da biblioteca, foi actuar coa maior celeridade para evitar danos maiores e encargar de xeito inmediato as valoracións técnicas sobre o suceso e sobre posibles medidas complementarias que se poidan aplicar para mellorar a seguridade da instalación. O BNG de Carballo considera que é momento de presentar propostas e buscar solucións, e por iso insta a todos os grupos políticos municipais a manter unha postura firme e unánime contra o vandalismo e na defensa dos intereses municipais.

Con respecto ás solicitudes de documentación presentadas por Terra Galega, o goberno municipal lémbralles, por unha banda, que todos os datos sobre ingresos e gastos das instalacións deportivas municipais figuran na execución dos orzamentos, á que teñen acceso, igual que os demais grupos da corporación, e, por outra, que tanto este tipo de información coma a que reclaman sobre os aparcamentos non a elaboran os políticos, senón os traballadores municipais, que teñen unha carga de traballo excesiva e atenderanas en canto sexa posible.

Sobre as “denuncias” relativas á mesa de contratación, da que Terra Galega forma parte igual que o resto dos grupos políticos, o BNG insta ao grupo da oposición a acudir aos tribunais ante calquera irregularidade que detecte. Deixarse levar e cuestionar o labor dos técnicos por un suposto “run run” só demostra a falta de seriedade e rigorosidade dese partido da oposición.