Ante a grave crise migratoria provocada pola guerra de Siria, o grupo municipal do BNG vén de impulsar a adhesión do Concello de Carballo á rede de concellos acolledores de refuxiados/as. A través da Concellería de Igualdade e Benestar, que dirixe a concelleira Maica Ures, poñemos a disposición das institucións competentes todo tipo de recursos encamiñados a facilitar a integración, chegado o momento, das persoas refuxiadas coma galegos de pleno dereito.
Ao mesmo tempo, facemos un chamamento á solidariedade da cidadanía para realizar tarefas de acompañamento se é preciso, así coma para a cesión de viviendas para o banco municipal de aluguer, por suposto, con todas as garantías que ofrece o Concello de Carballo. O obxectivo da Concellería de Igualdade e Benestar é dispoñer dunha oferta o máis ampla posible aínda que finalmente non chegue a ser precisa.
O apoio do BNG ás persoas refuxiadas concretarase aínda máis no pleno de hoxe, coa aprobación da Declaración institucional sobre o apoio ás persoas refuxiadas e á crise migratoria, que xa obtivo na comisión informativa previa o respaldo de todos os grupos políticos da corporación agás o de Terra Galega, que se abstivo.