A candidata Lucía Vecino votou en Carballo |
Carlos Callón recibiu o respaldo maioritario na comarca de Bergantiños para encabezar a lista de NÓS-Candidatura Galega ao Congreso dos Deputados. As 72 persoas censadas nas mesas de Carballo e A Laracha tamén votaron para escoller ao resto dos integrantes das candidaturas ao Congreso e o Senado pola provincia da Coruña. Para a Cámara Baixa as persoas con máis apoios foron Lucía Vecino, Suso de Toro, Isabel Martínez-Risco e Tereixa Novo, e para o Senado, Xosé Luis Rivas Cruz e Secundino García.
Neste proceso de elección directa dende a base puideron participar todas as persoas sen ningún tipo de requisito de carné ou adscrición política, tanto para postularse coma candidat@ como para a elección das persoas que integrarán NÓS-Candidatura Galega para os comicios do 20 de decembro.
A mesa de Carballo estivo instalada no Pazo da Cultura. Por alí pasaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e membros dos grupos municipais do BNG de toda a comarca de Bergantiños agás da Laracha, onde se instalou outra mesa. A pontecesá Lucía Vecino, que foi a aspirante ao Congreso con máis apoios, tamén votou en Carballo.
NÓS-Candidatura Galega está integrada polo BNG e por outras cinco forzas políticas e, sobre todo, por moita cidadanía sen adscrición política.