Neste momento estás a ver Ana Pontón reclama desde Carballo máis recursos para o ensino público e solucións inmediatas para os comedores escolares
Reunión CEIP Bergantiños inicio curso 2026-27

Ana Pontón reclama desde Carballo máis recursos para o ensino público e solucións inmediatas para os comedores escolares

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou o CEIP Bergantiños, onde mantivo unha reunión coa directora do centro e coa presidenta da ANPA acompañada polo alcalde, Daniel Pérez, representantes do goberno municipal e deputados do BNG.

O encontro permitiu coñecer de primeira man algunhas das principais dificultades coas que arranca o curso nun centro que conta con preto de 550 alumnos e alumnas e cunha elevada presenza de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Pontón denunciou que, lonxe de reforzar os recursos dispoñibles, a Xunta reduciu neste curso os apoios do CEIP Bergantiños coa supresión de media praza de Audición e Linguaxe. “Temos un centro que está por riba da media en canto a necesidades educativas especiais e a resposta da Xunta é reducir apoio a este alumnado, algo totalmente inadmisible”, sinalou.

A falta de prazas no comedor escolar foi outra das cuestións centrais da reunión. No CEIP Bergantiños quedaron 37 familias sen praza, mentres que o alcalde situou en máis de 90 as familias afectadas no conxunto do municipio.

Daniel Pérez advertiu de que os primeiros días de curso, “que deberían ser días de ilusión e de alegría”, están a converterse en momentos de preocupación para moitas familias.

“O comedor cumpre unha función que vai moito máis alá da alimentación. É un servizo imprescindible para a conciliación e forma parte tamén do propio proxecto educativo dos centros”, destacou o alcalde, que reclamou á Consellería de Educación “solucións reais e estables, adaptadas ás necesidades das familias e dos colexios”.

Pérez rexeitou ademais que a ampliación do servizo poida resolverse a costa de eliminar outros espazos educativos. “Non parece razoable que para ampliar un comedor haxa que sacrificar unha biblioteca ou outros espazos necesarios. O que hai que facer é dotar os centros dos medios e das instalacións que precisan”, afirmou.

Ana Pontón e Daniel Pérez
Ana Pontón e Daniel Pérez

Plan Máis Ensino Público

Durante a visita, Ana Pontón presentou tamén as principais liñas do Plan Máis Ensino Público do BNG, unha proposta coa que a formación nacionalista pretende aliviar o gasto que supón para as familias o inicio do curso e mellorar a calidade do sistema educativo público.

Entre as medidas inclúense a recuperación da gratuidade dos libros de texto, a universalización dos comedores escolares, o incremento do número de docentes, a redución das ratios nas aulas, a diminución da burocracia nos centros e a posta en marcha de programas específicos de atención ao alumnado con necesidades educativas especiais.

O BNG propón tamén incrementar progresivamente o investimento educativo ata acadar o 4% do PIB galego nesta lexislatura.

Pontón advertiu de que as familias afrontan unha volta ao colexio especialmente custosa nun contexto de incremento dos prezos da alimentación, da vivenda, da enerxía e dos carburantes, e criticou a falta de medidas da Xunta para reducir ese impacto económico.

A portavoz nacional cuestionou ademais a política educativa do Goberno galego e denunciou que Galicia se sitúa á cola do Estado en investimento educativo por habitante, ao tempo que se destinan centos de millóns de euros ao ensino privado concertado.

“Mentres hai nenos e nenas sen os apoios educativos que precisan ou familias sen praza de comedor, a prioridade debería ser reforzar o ensino público e garantir a igualdade de oportunidades”, defendeu.

“Ningún neno ou nena debería quedar sen comedor”

O alcalde de Carballo insistiu en que a situación require unha resposta inmediata da Administración autonómica.

“O que reclamamos é algo tan elemental como que todas as familias que o necesiten poidan acceder a un servizo de comedor digno e que ningún neno ou nena quede fóra por falta de recursos ou de planificación”, concluíu Daniel Pérez.

Desde o BNG de Carballo considérase que a realidade do CEIP Bergantiños exemplifica a necesidade de reforzar o investimento público en educación, garantir persoal suficiente para atender a diversidade nas aulas e adaptar os servizos educativos ás necesidades reais das familias.