Neste momento estás a ver Será que o PP non coñece Carballo?

Será que o PP non coñece Carballo?

O Partido Popular, ese que ningunea a Carballo nos Orzamentos da Xunta, e que de 11.500.000.000 euros, si, once mil cincocentos millóns de euros, só destina 250.000 ao noso concello, é o que di que investimos moito en cemento e pouco en persoas.

  • Para o PP, a veciñanza da zona dos Baños Vellos, os negocios, a hostalaría e o único balneario da Costa da Morte, polo que esperamos que pronto poidan volver a pasar milleiros de persoas maiores cada ano, non son persoas.
  • Para o PP, as persoas con mobilidade reducida, as familias con bebés e toda a veciñanza das zonas da Milagrosa ou da avenida Ponte da Pedra, non son persoas.
  • Para o PP, as máis de 2.000 persoas que traballan nas máis de 200 empresas do polígono industrial, non son persoas.
  • Para o PP, a veciñanza das parroquias de Bértoa, Lema e Razo e os seus representantes nos consellos parroquiais, non son persoas.
  • Para o PP, os carballeses e carballesas que teñen aos seres queridos soterrados no cemiterio municipal, non son persoas.
  • Para o PP, a veciñanza do barrio da Milagrosa que demanda un local en boas condicións para desenvolver actividades culturais, deportivas ou sociais, non son persoas.
  • Para o PP, os miles de deportistas que utilizan cada ano as instalacións municipais, non son persoas.
  • Para o PP, o voluntariado e o persoal municipal de Protección Civil, que repartiu alimentos, medicamentos ou máscaras durante a pandemia, e que segue a facelo, non son persoas.
  • Para o PP, os autónomos e autónomas que desenvolven a súa actividade no Mercado Municipal, e todos os que poden chegar a facelo nunhas instalacións adaptadas ás necesidades actuais do comercio, que non son as mesmas que hai 10 anos nin 5, tampouco son persoas.

Non sei se un Concello como Carballo, a piques de rematar unha campaña de reactivación económica na que decidiu involucrar a toda a poboación maior de idade con máis de 18.000 subvencións concedidas de 30€ para compras, que pechou o pasado día 25 o prazo de solicitude de subvencións a autónomxs, con máis de 600 presentadas; cuns Servizos Sociais públicos e ben dotados de persoal técnico que cubre as necesidades das familias que levan máis dun ano esperando polo recoñecemento de dependencia por parte da Xunta, que aumentou a contía dos vales de alimentos, complementou as bolsas de comedor e que durante o confinamento non só atendeu todas as necesidades materiais, senón tamén as de acompañamento das persoas que viven soas; un concello que está traballando para dotar dun edificio ás entidades sociosanitarias (AFABER, Cruz Vermella, Asociación Contra o Cancro, Fibromialxia…) adaptado, precisamente, á unha nova situación sociosanitaria que ninguén podía prever fai un ano; que foi pioneiro en adxudicar servizos municipais a entidades de responsabilidade social como ASPABER; con recursos supracomarcais coma un conservatorio de grao medio, unha escola de idiomas ou unha unidade de asistencia a persoas con problemas de adiccións; coas instalacións deportivas das máis baratas de Galiza, cunha rede de centros parroquiais que pronto cubrirá todo o territorio, actividades para todos os sectores sociais, dúas bibliotecas, un centro de formación que ademais de formar, asesora e orienta, contando mesmo cun servizo de colocación local; cunha escola de cociña; unha OPE Oficina de Promoción Económica e Turismo que informa e asesora empresarixs, tramita e concede subvencións a todas as entidades empresariais, xestiona un coworking para emprendedorxs e formación para empresarixs, organiza infinidade de programas de dinamización económica e turística; un Concello de Carballo cunha intensa programación cultural, a altura das grandes cidades, cunha intensa actividade deportiva referente en toda Galiza… Un concello así é só cemento ou será que o Partido Popular non coñece Carballo?