Neste momento estás a ver Os Orzamentos da Xunta para o 2021 esquecen por completo a unha das comarcas galegas máis castigadas pola COVID-19

Os Orzamentos da Xunta para o 2021 esquecen por completo a unha das comarcas galegas máis castigadas pola COVID-19

“Os Orzamentos da Xunta esquécense da Costa da Morte e de Bergantiños unha vez máis, malia que a partir de hoxe, coa entrada en vigor do peche perimetral de Muxía, Cee e Dumbría, esta gran comarca convértese nunha das máis castigadas pola COVID-19”. O deputado do BNG Daniel Pérez, que estivo acompañado polo responsable comarca do BNG da Costa da Morte, Serxio Domínguez, e polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, fixo hoxe valoración dos investimentos para esta zona incluídos no proxectos de Orzamentos presentado polo goberno de Feijoo. “Acabamos pronto, porque son poucos”, asegurou.

O gran e practicamente único investimento previsto para o ano que vén é o corredor Baio-Berdoias, que leva esperando dende o 2007. E, a maiores, o único que figura nos Orzamentos son “pequenos investimentos en portos dentro dun paquete xeral, pero con cantidades irrisorias”, mentres se esquecen necesidades como o porto mixto de Corcubión, a seguridade das comportas do porto de Malpica, “que xa provocaron un accidentre mortal, desgraciadamente, e seguen sen solución”, a saída sur ou a ampliación do dique, “que permitiría mellorar a seguridade do porto e ampliar as actividades que se desenvolven nel”.

Os investimentos da Xunta na Costa da Morte para o ano que vén complétanse con 250.000 euros para a redacción do proxecto da variante de Carballo. “É inxustificable que o concello de Carballo, que é o motor económico de toda a comarca, teña este trato por parte da Xunta”, manifestou Daniel Pérez. “Todo o mundo sabe a importancia que ten a circunvalación, tanto social, por eliminar o tráfico pesado de zonas moi sensibles, como polo pulo económico que lle pode dar a Carballo”, engadiu.

En resumo, “sentímonos defraudados, porque coa crise económica que se aveciña era o momento de apostar polos investimentos en Carballo e na Costa da Morte”, concluíu o deputado do BNG.

Costa da Morte

“Os Orzamentos da Xunta non son unha boa noticia para a Costa da Morte, por desgraza, porque son inexistentes e ignoran a dura realidade socioeconómica dunha zona que perde poboación cada pouco tempo; as cifras son escalofriantes, e se non paramos esta sangría a desparición virtual da Costa da Morte vai tardar moi poucas décadas”, sinalou Serxio Domínguez.

Ademais da crítica reiterada á solución de corredor para o treito Baio-Berdoias, “agora que estamos a padecer unha pandemia seguimos sen ter novas do centro de saúde de Fisterra, tan necesario, ou das melloras que debería ter o hospital comarcal”, por non falar da problemática de Ferroatlántica. “Se non actúan no que non custa ningún carto _declarou o responsable comarcal do BNG da Costa da Morte_ non temos esperanza ningunha en que invistan no que si custa. Nós imos preparar as emendas, con poucas esperanzas de que nolas teñan en conta, entre elas a posta en marcha dun plan de reactivación económica, hoxe máis necesario ca nunca. Non hai explicación ao maltrato do PP á Costa da Morte”, concluíu.

Carballo

O alcalde de Carballo pechou a rolda de intervencións: “É curioso que estamos demandando infraestruturas, que son as que provocan transformación social e unhas sinerxias con outros sectores económicos. O PP critica ao BNG porque facemos obras, ao mellor o que queren é xustificar os Orzamentos da Xunta porque non fan obras, pero tampouco aparecen outras medidas que dende o punto de vista social está demandando a sociedade. Na Costa da Morte xa están pechados perimetralmente a maioría dos concellos e non se lle está dando resposta aos sectores afectados por parte das Administracións con competencias: Xunta e Estado. Nós si que defendemos que eses investimentos si que xeran actividade económica, e témolo demostrado sobradamente”, manifestou Evencio Ferrero.

Non hai xustificación para o trato que recibe a Costa da Morte nos Orzamentos da Xunta, e no caso de Carballo dunha maneira moi evidente. “Que cunha circunvalación que xa figuraba nos orzamentos do 2009, elaborados polo Bipartito POSE-BNG, con todos os informes e o proxecto rematado, volvamos ao punto cero porque durante todos estes gobernos do PP non se avanzou absolutamente nada, é inxustificable. E non é unha demanda política só, senón tamén social e empresarial, porque o que acontece en Carballo co tráfico non pasa en ningún de toda Galicia da nosa dimensión. E a Xunta non dá resposta ningunha. Como tampouco se lle dá resposta a outra demanda do empresariado, que necesita más ca nunca decisións que apoien a actividade económica”, en alusión á imprescindible ampliación do polígono industrial de Bértoa, “solicitada reiteradamente”. Nestes momentos o polígono ten unha ocupación do 84%. “O 16% restante é de parcelas illadas. Xa houbo unha empresa que non puido materializar o seu proxecto por falta de solo, porque por riba de 12.000 metros non llo podemos ofrecer. E iso é o que non se pode permitir”, insistiu o alcalde de Carballo.

“As lecturas son fáciles de sacar _rematou Evencio Ferrero_ . E se todo isto estivese compensado por actuacións alternativas, porque gobernar é priorizar… pero non. Nesa priorización a Costa da Morte non ten lugar para a Xunta de Galiza”