Tal como se comprometera en setembro co empresariado do polígono, o deputado do BNG Daniel Pérez está a defender no Parlamento de Galicia a necesaria ampliación do polígono industrial de Bértoa. Ademais de impulsar unha proposición non de lei, que será debatida este mércores 16 na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento, o BNG tamén presentará unha emenda parcial aos Orzamentos do 2021 para que inclúan a partida precisa para retomar o proceso de ampliación que a Xunta ten paralizado dende o ano 2009.
Acompañado polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, nun acto que se celebrou no propio parque empresarial, Daniel Pérez deu a coñecer hoxe a proposición non de lei na que o BNG insta á Xunta de Galiza “a ampliar, á maior brevidade, o polígono industrial de Bértoa”. O BNG lembra a importancia do eixo industrial Arteixo-A Laracha-Carballo; o crecemento e o incremento da actividade que se está a rexistrar nos últimos anos no polígono, e a escaseza actual de solo malia que a demanda vai en aumento e que Xestur ten adquirido xa parte dos terreos necesarios. “A ampliación do polígono depende xa da vontade política”, sinala Daniel Pérez.
O alcalde, pola súa banda, reiterou os múltiples argumentos a favor da ampliación e criticou que nos Orzamentos do 2021 non figure ningunha partida para o parque empresarial de Carballo.
Podedes escoitar as declaracións completas no vídeo.