O deputado do BNG no Parlamento de Galicia Daniel Pérez rematou no IES Isidro Parga Pondal a rolda de contactos que veu mantendo ao longo do trimestre cos centros de secundaria de Carballo. Nesta ocasión estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero; pola concelleira de Educación, Mar Eirís, e polo concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade.
O tema central da xuntanza foi a análise da oferta de ciclos formativos e as perspectivas que se abren co novo Plan de Acción de Educación Dixital (2021-2027), que recolle a visión da Comisión Europea dunha educación dixital de alta calidade, inclusiva e accesible en Europa. Aprender da crise provocada pola COVID-19, durante a cal se está a utilizar tecnoloxía a unha escala sen precedentes para educación e formación, e adecuar os sistemas educativos á era dixital. Nese sentido, o IES Parga Pondal, que xa inclúe as tecnoloxías na súa oferta formativa, quere situarse na vangarda nese ámbito.
Daniel Pérez, que puxo en valor unha vez máis o traballo que están a desenvolver os equipos directivos e os claustros durante a pandemia, quixo coñecer de primeira man a situación e as necesidades do IES Parga Pondal e poñerse á súa disposición para trasladar ao Parlamento de Galiza cantas iniciativas sexan necesarias nesta situación excepcional e que require, máis ca nunca, do compromiso político e social cun ensino público de calidade.