A sanidade é un dereito repetidamente esmagallado polas Administracións do Estado e da Xunta, que só semellan atender a razóns cando a cidadanía, como vimos de comprobar coa mobilización das familias que reclaman máis pediatras para Carballo, airea nos medios de comunicación as miserias do sistema. Pero desde o Consello Local do BNG consideramos que a insuficiencia de pediatras para atender a unha poboación que supera os 4.000 nenos e nenas, coa gravidade que iso representa, é a mostra da deficiente asistencia sanitaria que padecemos.
Carballo, como cabeceira de comarca, precisa un centro de especialidades que garanta unha asistencia sanitaria de calidade, no que, lonxe de reducir, como están a facer, os días de consulta de cirurxía ou toco-xinecoloxía, se introduzan servizos permanentes e novas especialidades, como medicina interna. O reforzo do centro de especialidades debe ser, desde o noso punto de vista, o primeiro paso de cara á construción do hospital comarcal co que deberiamos contar desde hai décadas pero que se nos sigue negando malia contar cun concello cabeceira de comarca que supera xa os 31.000 habitantes e cunha área de influencia que acada os 80.000 habitantes.
Lonxe de atender as necesidades da poboación, o Goberno da Xunta está a practicar un evidente desmantelamento do sistema sanitario. Padecémolo a diario: cando acudimos a urxencias coas nosas fillas e non lles fan radiografías porque non hai especialistas para informalas, cando temos que agardar catro meses por unha cita para fisioterapia ou para traumatoloxía, ou cando, como vimos padecendo e denunciando, en vez dos 5 pediatras (1 deles a media xornada) que seguen aparecendo na web do Sergas temos só 3 (1 deles a media xornada).
Desde o BNG seguiremos apoiando as reivindicacións que tanto a cidadanía como os profesionais da sanidade veñen a realizar desde hai tempo para incrementar o número de especialidades, reducir as listas de agarda e ampliar servizos en vez de desmantelalos, como, por moito que intenten disfrazalo, está a facer a Xunta do PP.