Neste momento estás a ver O deputado do PP Aurelio Núñez vota en contra da ambulancia medicalizada e dun novo centro de saúde para Carballo

O deputado do PP Aurelio Núñez vota en contra da ambulancia medicalizada e dun novo centro de saúde para Carballo

O PORTAVOZ DO GRUPO MUNICIPAL DO PP REXEITOU NO PARLAMENTO DE GALIZA AS EMENDAS PRESENTADAS POLO BNG PARA MELLORAR A ASISTENCIA SANITARIA NO NOSO CONCELLO E NA ZONA

A construción dun novo centro de saúde, a ambulancia medicalizada e mesmo o incremento das especialidades no centro de saúde de Carballo terán que seguir agardando. O Partido Popular rexeitou no Parlamento de Galiza as emendas presentadas polo BNG, por un importe próximo aos dous millóns de euros, que porían fin ás principais eivas que ten no noso concello, e por extensión en toda a comarca, a asistencia sanitaria. O portavoz do grupo municipal do PP, na súa condición de deputado autonómico, tamén levantou a man para votar en contra destas propostas, que permitirían atender as insistentes demandas da poboación e garantir aos nosos veciños e veciñas a calidade da atención sanitaria que reciben.

Unha das emendas presentadas polo BNG tiña como finalidade a adquisición de ambulancias medicalizadas para atender a sete comarcas galegas, entre elas as de Bergantiños e a Costa da Morte. O PP négase a realizar este necesario e demandado investimento, do mesmo xeito que co seu voto pecha as portas ao mantemento e a mellora das especialidades do noso centro de saúde. Desde o BNG seguiremos insistindo para que a veciñanza de Carballo e do resto da comarca poida ter ao seu dispor especialistas en cirurxía ou ecografía non só un día á semana, como ocorre agora, coas conseguintes e interminables listas de agarda, por non falar das necesidades de pediatras que, segundo vimos constatando nos últimos meses, existen en toda a Costa da Morte.

O PP e Aurelio Núñez tampouco queren que Carballo poida dispoñer dun novo centro de saúde, outra vella demanda que permanece agochada desde que goberna o PP na Xunta de Galicia. O BNG incluía entre as súas demandas unha partida de un millón de euros para acometer esa nova infraestrutura, que nos corresponde por poboación e que tamén redundaría nunha evidente mellora da atención sanitaria.

Por suposto, o deputado e concelleiro popular tampouco aprobou outras emendas do noso grupo para acometer o abastecemento de auga á zona de Baldaio, a variante de Carballo ou as travesías de Bértoa e A Casilla. Así defende Aurelio Núñez os intereses do seu concello e dos seus veciños e veciñas no Parlamento de Galicia, que, un ano máis, exclúe dos Orzamentos ao noso concello. Pero se pensa que deste xeito castiga ao BNG está moi equivocado, a quen realmente castiga é ao pobo de Carballo.