O BNG de Carballo lamenta a falta de vontade do Goberno do PP na Xunta de Galicia para solucionar os problemas de acceso ao comedor escolar que afectan a 66 nenos e nenas dos CEIP Bergantiños e Fogar. A situación foi abordada hoxe no Pleno do Parlamento galego a raíz dunha pregunta do deputado nacionalista pola comarca, Óscar Insua, que reclamou ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, medidas concretas para garantir un servizo esencial para a conciliación das familias.
Unha representación da ANPA do CEIP Bergantiños desprazouse ata Santiago de Compostela para seguir o debate desde a tribuna de convidados. As familias estiveron acompañadas polo alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro Ramón Varela, nunha mostra de apoio ás súas reivindicacións.
«O comedor escolar non é un luxo, non é un privilexio e non debería ser unha lotaría», advertiu Óscar Insua, que puxo cifras ao problema: neste curso quedaron sen praza 37 alumnos e alumnas do CEIP Bergantiños e outros 29 do CEIP Fogar.
O BNG critica especialmente a falta de planificación da Consellería de Educación, xa que as listas de agarda non son unha situación nova, senón que se repiten curso tras curso sen que a Xunta adopte as medidas necesarias para resolvelas. «As listas de agarda dun curso deberían servir para planificar o seguinte, non para volver empezar cos mesmos problemas», sinalou o deputado.
Apoio ás familias e solucións que non prexudiquen outros servizos educativos
O BNG de Carballo comparte as reivindicacións das familias, que levan tempo reclamando unha solución e que mesmo solicitaron á Consellería unha avaliación técnica das instalacións do CEIP Bergantiños para estudar a posibilidade de ampliar ou adaptar o comedor.
A comunidade educativa tamén deixou clara unha condición: a ampliación do comedor non pode facerse á custa da desaparición da biblioteca escolar, outro servizo fundamental para a formación do alumnado.
Durante a súa intervención, Insua reprochou ao conselleiro que non respondese ao escrito remitido polas familias e reclamoulle que escoite as súas propostas.
O deputado nacionalista tamén incidiu nas consecuencias que a falta de prazas ten na vida cotiá das familias, que se ven obrigadas a modificar horarios laborais, recorrer a outras persoas para o coidado dos seus fillos e fillas ou mesmo escoller un centro educativo distinto do que lles corresponde para poder acceder ao servizo de comedor.
O BNG reclama cambios na normativa para garantir a igualdade de oportunidades
Ademais de esixir solucións para ampliar as prazas dispoñibles, Óscar Insua reclamou unha modificación do Decreto 132/2013, que regula os comedores escolares, para evitar que as familias que escolarizan os seus fillos e fillas fóra da súa área de influencia queden relegadas no acceso ao servizo, mesmo cando o seu centro de referencia non dispón de comedor.
O deputado propuxo incorporar esta modificación á lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para 2027, co obxectivo de corrixir unha situación que considera inxusta e discriminatoria.
Desde o BNG de Carballo insístese en que a educación pública debe garantir a igualdade de oportunidades e facilitar a conciliación, independentemente do centro no que estea escolarizado o alumnado.
A organización nacionalista lamenta que a resposta do conselleiro non ofrecese solucións concretas ás demandas formuladas e reafirma o seu apoio ás familias dos CEIP Bergantiños e Fogar, que continuarán contando co respaldo do BNG nas súas reivindicacións.
«Non é aceptable que, ano tras ano, haxa familias de Carballo que comecen o curso sen saber como van conciliar a súa vida laboral e familiar por falta de prazas de comedor. A Xunta ten que asumir a súa responsabilidade, escoitar a comunidade educativa e dar unha solución definitiva a este problema», indicou o alcalde, Daniel Pérez.
