Neste momento estás a ver O BNG volve esixir á Xunta que asuma as súas competencias e realice unha actuación integral na estrada AC-414

O BNG volve esixir á Xunta que asuma as súas competencias e realice unha actuación integral na estrada AC-414

Este venres no Parlamento de Galiza falarase da estrada AC-414, probablemente a vía que se atopa en peor estado de toda a rede autonómica. A iniciativa presentada polo BNG xa no mes de xullo para instar á Xunta a acometer unha reforma integral da estrada ao seu paso polos núcleos de Xoane da Estrada e Cances Grande será debatida na Comisión 2ª.

O deputado Daniel Pérez, que defenderá a iniciativa, lembra que a situación da estrada leva sendo denunciada de xeito reiterado pola veciñanza e polo Concello de Carballo, que ano tras ano vén solicitando á Xunta de Galicia o arranxo da vía e amosando a súa disposición non só a asumir a súa titularidade ao remate das obras senón tamén unha porcentaxe do orzamento preciso, aínda sabendo que se trata dunha vía de titularidade autonómica e que, polo tanto, calquera actuación de conservación, mantemento, reforma ou sinalización é competencia exclusiva da Consellería de Infraestruturas.

No BNG consideramos que a solución non pode demorarse máis, xa que o estado actual da vía representa un auténtico perigo para a circulación.

A solución pasa pola sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e o Concello de Carballo que permita acometer a reforma integral da estrada, incluíndo non só a mellora do firme, como pretende a Xunta, senón tamén a construción de sendas ciclo-peonís, como ten realizado esa consellería noutras zonas da comarca, que garantan a seguridade de peóns e ciclistas. Unha vez realizadas esas actuacións, o Concello asumiría a titularidade da estrada.

O proceder da Xunta de Galiza (titular desta vía), despois de anos sen actuación algunha na mesma, cunha proposta absolutamente inasumible, xa que non inclúe as melloras necesarias para garantir a seguridade viaria,  “é claramente inxusto para o Concello de Carballo no seu conxunto e nomeadamente para a veciñanza de Cances e Xoane”, sinala Daniel Pérez.