O deputado do BNG no Parlamento de Galicia Daniel Pérez continúa a percorrer os centros de secundaria de Carballo para coñecer de primeira man como están a vivir este “caótico e improvisado” inicio de curso. Onte, acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira Milagros Lantes, que representa ao Concello no consello escolar, achegouse ata o IES Monte Neme, onde mantivo unha xuntanza coa directora, Charo Couto, e puido saudar a outros membros do claustro.

Daniel Pérez comprobou unha vez máis como os equipos directivos dos centros de ensino teñen que afrontar sen axuda da Administración competente, a Xunta de Galicia, e con poucos medios humanos e materiais as novas necesidades derivadas da COVID-19.
No IES Monte Neme tampouco houbo vacacións este ano, porque cando estaba todo listo para comezar o curso segundo o protocolo inicial da Consellería de Educación, a mediados de setembro chegou a última versión, que obrigou a modificalo todo.
No centro carballés desapareceron espazos de uso común como a biblioteca para poder habilitar máis aulas e evitar, na medida do posible, o uso de mamparas. Grazas á existencia de catro edificios independentes foi posible situar separadamente en cada un deles os distintos tipos de ensinanzas, evitando deste xeito contactos e limitando os efectos dun hipotético contaxio. As entradas e saídas fanse de xeito gradual e en determinadas materias de FP impártense clases semipresenciais, nalgún caso dotando de equipos do propio centro ao alumnado que carece deles. En canto á limpeza, aínda que dende o Monte Neme se pediu un reforzo dado o incremento do traballo que supón a prevención da COVID-19, a Xunta non aumentou o persoal, senón que repartiu as catro traballadoras entre a mañá (unha) e a tarde (tres).

O deputado do BNG púxose a disposición da dirección para trasladar ao Parlamento de Galiza as necesidades que poidan xurdir e, sobre todo, expresou o seu agradecemento ao profesorado e a toda a comunidade educativa polo esforzo realizado “para que o curso puidese saír adiante”.
O alcalde, pola súa banda, explicou algúns aspectos que se abordaron no Consello Escolar Municipal celebrado esta semana, e Milagros Lantes deu a coñecer unha proposta para mellorar a accesibilidade ao instituto.