Se o BNG está, Carballo está. Deste xeito podemos resumir o contido do novo boletín O Anllóns, o primeiro que sacamos á rúa dende a pandemia e que reflicte a importancia que ten para o noso concello a presenza do BNG nas institucións, como puidemos comprobar durante estes últimos anos.
Moitas cousas cambiaron, tamén no ámbito político, dende a publicación do anterior boletín no ano 2019. O BNG revalidou o goberno de Carballo ampliando aínda máis o grupo municipal con 12 concelleiros e concelleiras, acadamos a vicepresidencia da Deputación da Coruña e conseguimos, por primeira vez na historia, contar con representación local no Parlamento de Galiza. Todo isto ben merecía un especial do boletín O Anllóns, e ese número especial é o que hoxe presentamos e que empezaremos a repartir entre a cidadanía na feira deste domingo.
Temos o mellor equipo. Un equipo representado polas persoas que aparecen na imaxe de portada: membros do grupo municipal, responsable local e deputado no Parlamento de Galiza. E temos o mellor goberno, capaz de xestionar os recursos municipais para seguir medrando mesmo en tempos tan convulsos e seguir revitalizando o noso concello mediante actuacións como a que aparece nesa mesma imaxe de portada, o Centro Social Escola de Arrabaldes, que vén sumarse á rede de centros sociais que fomos que de construír na práctica totalidade das parroquias e mesmo, coma neste caso, dos barrios.
Do mellor equipo forman parte persoas como Daniel Pérez López, o primeiro deputado do BNG de Carballo no Parlamento de Galiza. En pouco tempo, a súa presenza na Cámara Galega marcou un antes e un despois, porque conseguiu trasladar a Compostela os problemas e as necesidades do noso concello. A necesidade dun novo centro de saúde, ou da ampliación do polígono industrial, ou da circunvalación, ou dun cuarto xulgado… son motivo de debate permanente, e iso obrigou ao Goberno do Partido Popular a empezar a desbloquear os grandes proxectos que conforman a gran débeda da Xunta de Galiza con Carballo.
Outra proba da importancia de ter presenza nas institucións atopámola na Deputación da Coruña. Dende a vicepresidencia da institución provincial, Xosé Regueira conseguiu que o reparto dos recursos públicos se realice con obxectividade, transparencia e xustiza, e que cada concello reciba o que xustamente lle corresponde, sen ter en conta as cores políticas. E grazas a esa concepción, que reforza a autonomía local, en Carballo levamos investidos nestes tres últimos anos máis de nove millóns de euros en infraestruturas e servizos financiados pola Deputación da Coruña.
O Anllóns fai un repaso por todos estes asuntos, e ademais dedica unha páxina á recente enquisa realizada por Sondaxe, segundo a cal os veciños e veciñas do noso concello outorgan ao noso alcalde, Evencio Ferrero, a mellor valoración de todos os líderes políticos e avalan a nosa xestión cun aprobado alto, mentres que suspenden ao resto dos partidos. Por iso só podemos rematar dicindo: Grazas, Carballo!
Descárgao aquí! O_Anllóns42