Neste momento estás a ver As mulleres do BNG comprométense a impulsar políticas de igualdade dende os gobernos dos concellos de Bergantiños

As mulleres do BNG comprométense a impulsar políticas de igualdade dende os gobernos dos concellos de Bergantiños

Corenta mulleres bergantiñás participaron no encontro celebrado hoxe no Pazo da Cultura para falar sobre políticas de igualdade, xustamente cando un novo caso de violencia machista volvía a poñer en evidencia o longo camiño que queda aínda por percorrer. “As agresións non se producen porque si. Seguramente, detrás da violencia machista están todos os micromachismos que se repiten día tras día e que tantas veces tendemos a normalizar”, apuntou unha das asistentes.

O encontro de mulleres celebrouse no Pazo da Cultura

A necesidade da participación da muller na xestión política foi unha das claves do encontro. Precísanse mulleres nos gobernos municipais máis alá dunha cuestión de cotas e porcentaxes, mulleres con capacidade de decisión e que acheguen outras sensibilidades á xestión municipal para acadar concellos máis integradores e comprometidos coas persoas. “Unha muller pensa en que a unha persoa maior lévalle máis tempo cruzar a rúa que a unha nova, así que ao mellor hai que aumentar o tempo nos semáforos para que poidan cruzar con tranquilidade. Esa visión ao mellor non a ten un home”, comentou a número 4 do BNG de Carballo, Milagros Lantes. “Eu levo no BNG dende o ano 1977, e sempre, en todas as convocatorias electorais, se tivo en conta á muller e se incluíron nos programas electorais medidas encamiñadas a fomentar a igualdade”, manifestou.

Milagros Lantes, Carolina Castiñeiras e Inés Rodríguez

Carballo foi, de feito, o modelo de traballo a prol da igualdade comezando pola propia corporación, fronte a outros concellos da comarca nos que a muller continúa a desempeñar un papel absolutamente secundario nos gobernos. “Para nós –apuntou a concelleira de Igualdade, Maica Ures- a defensa da igualdade de dereitos e oportunidades é fundamental, e así o mostra a realidade. Por exemplo, na Xunta de Goberno Local somos máis mulleres que homes; as tres comisións informativas están presididas por mulleres, e, en canto ás áreas de goberno, nas que tradicionalmente se consideran como áreas importantes, como facenda ou urbanismo, as persoas delegadas son tamén mulleres. Esta é a mostra de que no noso grupo xa non existen os teitos de cristal”. Lamentablemente, non é así en toda a comarca. Carolina Castiñeiras, concelleira do BNG na Laracha, lembrou que no seu concello as mulleres do goberno municipal do PP ocupan un papel absolutamente secundario: non forman parte da Xunta de Goberno Local, nunca interveñen nos plenos nin substitúen ao alcalde cando se ausenta e durante anos incluso cobraban menos que os concelleiros homes.

No encontro falouse moito de política, pero tamén de educación e de co-responsabilidade. E, sobre todo, púxose de manifesto que neste camiño cara a igualdade é imprescindible a implicación dos homes. O compromiso do BNG é seguir traballando nesa dirección. Como dixo Maica Ures, “os concellos BNG somos concellos comprometidos coa igualdade, somos e temos que seguir a ser concellos transformadores da realidade das mulleres”.