Despois de recibir o apoio unánime de militantes e simpatizantes na asemblea celebrada a finais de xaneiro, Evencio Ferrero Rodríguez contará tamén co respaldo da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na súa presentación como candidato á alcaldía de Carballo. O acto celebrarase o venres 3 de marzo, ás 20.30 horas, no salón de actos do 2º andar do Pazo da Cultura.
Por ti, por Carballo é o lema que representa o compromiso de Evencio Ferrero coa cidadanía. O actual alcalde volve a liderar un proxecto político cun arraigo entre a veciñanza, que elección tras elección vén incrementando o seu apoio á formación nacionalista.
Para falar dese compromiso, Evencio Ferrero estará acompañado polo profesor, escritor, músico e dinamizador cultural Xurxo Souto, que presentará o acto. De seguido intervirán a concelleira de Normalización Lingüística, Festas e Mocidade, Maruxa Suárez; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato.
Evencio Ferrero (Carballo, 1955) é o político máis experimentado da corporación municipal. Neste 2023 cumprirá vinte anos na alcaldía, incrementando o apoio elección tras elección, e concorrerá ás próximas eleccións con toda a forza que outorgan a experiencia, o afecto da cidadanía e a seguridade de que o seu equipo será, de novo, o mellor para seguir facendo de Carballo un bo lugar para vivir.