Os deputados Daniel Pérez, Alfonso Fernández e Luís Bará veñen de rexistrar unha serie de iniciativas encamiñadas a paralizar o proxecto do parque eólico do monte Neme. Dende o BNG consideramos que autorizar ese proxecto suporía, tal como expón o deputado carballés Daniel Pérez, o certificado de defunción das abondosas potencialidades naturais, históricas, culturais que ofrece este espazo, e da posibilidade de crear sinerxías moi positivas para a promoción da comarca no seu conxunto e a xeración de emprego e riqueza baseada nun turismo de natureza, sostíbel e respectuoso coa paisaxe; impedíndolles ademais ás veciñas e veciños a realización de outros usos dos terreos, como o aproveitamento gandeiro ou forestal”.
Por iso, na proposición non de lei solicitamos a paralización cautelar do proxecto e a denegación das autorizacións das infraestruturas e instalacións industriais que atenten contra os valores naturais, estéticos, paisaxísticos ou culturais do monte Neme, así como de aqueles que poñan en perigo un aproveitamento turístico sustentábel, forestal ou gandeiro do monte e a súa contorna. En calquera caso consideramos imprescindíbel abrir un novo procedemento de información pública tendo en conta os numerosos cambios no proxecto, así como realizar unha avaliación ambiental conxunta de todos os parques e infraestruturas asociadas nun radio de 20 quilómetros.
“O monte Neme é moito máis ca un monte”, sinala Daniel Pérez. Espoliado durante décadas, o plan de rexeneración financiado con fondos europeos semellaba unha oportunidade para a posta en valor do gran potencial natural, histórico, cultural e turístico deste enclave, pero a Xunta, en vez de acometer esas obras de rexeneración, vén de resolver de xeito favorábel a declaración de impacto ambiental do parque eólico proxectado, dando luz verde a un novo espolio.
Por iso, entre as iniciativas presentadas tamén figura una batería de preguntas para saber cando ten previsto o Goberno galego executar a rexeneración da antiga mina do monte Neme, se considera que ese proxecto é compatible coa instalación dun parque eólico, se pensa que ese parque eólico non afectaríaaos valores naturais, estéticos, paisaxísticos ou culturais do Monte Neme, ou á vida da veciñanza da área máis próxima, ou ao aproveitamento forestal e gandeiro.
O Goberno do PP ten que mollarse e, se considera que a zona de Monte Neme, a franxa costeira de Razo e Baldaio ten potencial para converterse nun referente do turismo de natureza, se apoia a candidatura da praia de Razo a Reserva Mundial de Surf ou se pensa que o parque eólico do Monte Neme afectará á declaración do Xeodestino Costa da Morte como Destino Turístico Starlight ten que demostralo paralizando o proxecto do parque eólico.
Unha vez máis reiteramos que o BNG aposta firmemente por enerxías renovables como a eólica, pero non a calquera prezo. E no caso do proxecto do parque eólico Monte Neme ese prezo é inasumible para a cidadanía dos concellos de Carballo e Malpica.