Neste momento estás a ver O proxecto eólico permitido pola Xunta no Monte Neme sería nocivo para o medio ambiente e o turismo local

O proxecto eólico permitido pola Xunta no Monte Neme sería nocivo para o medio ambiente e o turismo local

O BNG levou ao Parlamento a intención do Goberno do PP de permitir a instalación dun parque eólico no Monte Neme, “coas consecuencias que tería para este espazo ambiental e o seu interese paisaxístico e turístico”, denunciou o deputado carballés, Daniel Pérez.

Pérez explicou como este parque, de continuar adiante, danaría “o valor natural e social dun Monte Neme vencellado a historia desta comarca dende a Idade de Ferro”, cun arraigo “profundo” na poboación e que, ademais, funciona como motor e dinamizador económico polo seu interese medioambiental e tamén para as persoas visitantes doutras partes do País.

Para o BNG, advertiu o deputado de Carballo, este parque eólico “xera unha razoable preocupación” de se instalar neste monte, ao abeiro un plan eólico “no que, pola porta de atrás, as multinacionais eólicas fan desembarco en Galiza sen un modelo ordenado ou a onde mellor lle convén ao País, senón só ao que mellor lle convén aos intereses destas multinacionais”, criticou. De feito, recriminou á bancada Popular a “alfombra vermella” que, a través da Xunta, proporcionan aos proxectos do sector eólico “só como as multinacionais queren e como as multinacionais queren”.

Dito parque danaría as posibilidades de atractivo turístico do Monte Neme e, en concreto, prexudicaría a súa oferta como destino de surf, algo escaso a nivel mundial, remarcou Pérez, e tamén como destino Starlight, isto é, como destino natural para a observación do ceo. O bloque xa levara anteriormente á Cámara a intención de paralizar este proceso, “algo que tivo o apoio de todas as forzas políticas agás o PP, que tumbou a proposta”, reprobou. Este impacto ambiental, de feito, “afectaría a 1.050 hectáreas delimitadas pola poligonal, na que se producirá unha recalificación do uso do solo como ‘solo rústico de especial protección de infraestruturas’, coas conseguintes restricións e prohibicións de usos forestais”, criticou.

A evacuación de enerxía eléctrica que se produza neste proxecto eólico realizarase a través dunha liña de alta tensión que atravesa unha zona densamente poboada, explicou o deputado por Carballo, e que afecta a lugares con valor ambiental como o val do río Anllóns, inserido na Rede Natura no ano 2000, a AEIP Val fluvial do río Lourido, e o LEIP Santa Mariña do Remuíño. Neste caso, sinalou como esta estrutura transportaría a enerxía desde a subestación Monte Neme até a subestación de Cabana, que será obxecto doutro proxecto independente “e que constitúe unha fragmentación artificial do parque e a liña de evacuación”, denunciou.

Pérez tamén quixo subliñar “as carencias” do estudo de impacto ambiental que ampara a colocación deste parque, “que presenta numerosas carencias, erros e eivas, ao non avaliar o impacto da construción de infraestruturas, o impacto sobre os recursos hídricos, cursos de auga e abastecementos, o impacto en hábitats e especies protexidas por directivas comunitarias e cunha información xenérica sobre os hábitats e especies”.

Denuncias que levaron a oposición do argumentario do PP en boca do director xeral de Planificación Enerxética, Pablo Fernández, que avalou o proxecto e desestimou paralizalo ou facer un novo estudo de impacto ambiental.