O presidente provincial do PP insulta a Carballo cando intenta xustificar a inacción da Xunta de Galicia con respecto á ampliación do polígono industrial de Bértoa dicindo que “está á espera da aprobación do PXOM”. Se fose por iso, a ampliación do parque empresarial xa estaría feita, posto que o PXOM de Carballo xa entrou en vigor o 26 de febreiro do ano 2016. Diego Calvo pretende tomarnos por tontos.
É máis, a ampliación do PXOM de Carballo está incluída no “Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia”, vixente dende o 2014 e que, como establece a resolución publicada no DOG do 5 de maio dese ano, é “un instrumento de ordenación territorial de incidencia supramunicipal” que prevalece “sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente dos concellos”, é dicir, nin sequera faría falla que o Concello de Carballo tivese aprobado o PXOM para poder acometer a ampliación do polígono.
A verdade é que Carballo necesita máis solo industrial e que o PP utiliza unha escusa tras outra mentres tivo paralizado anos e anos o procedemento da ampliación e a petición do concello e empresariado do polígono tiveron que adquirir en outubro do ano pasado un compromiso do da Xunta e reiterado en febreiro deste ano pola conselleira de Medio Ambiente, que mesmo deu datas: 2020 para a realización do proxecto e a adquisición do terreo e 2021 para facer as obras. Como estamos en plena campaña electoral están a demostrar que co futuro do Carballo o único que xoga, polo que se ve, é o PP.
Diego Calvo insulta ás carballesas e aos carballeses, porque mentres el di que temos solo industrial para dous anos nós vemos como hai empresas que non poden instalarse no noso concello por falta de solo, e porque mentres el fala de que a Xunta traballou “a reo” para reactivar as obras públicas, en Carballo seguimos agardando algunha nova, por mínima que sexa, sobre os compromisos adquiridos polo PP sobre a construción da circunvalación e o abastecemento de auga á zona de Baldaio, compromisos que tamén vimos como se paralizaron nestes últimos oito anos.