A maldita hemeroteca volve a deixar en evidencia ao Partido Popular. Non foi Evencio Ferrero, senón Ethel Vázquez, a que dixo nunha reunión cos empresarios do polígono de Bértoa que a circunvalación podería ser unha realidade no ano 2022. Non foi Evencio Ferrero, senón Ethel Vázquez, a que anunciou que a “revisión” do proxecto _porque xa hai un proxecto feito e aprobado dende o ano 2010_ se realizaría no primeiro trimestre do 2020. Non foi Evencio Ferrero, senón Ethel Vázquez, a que dixo no Parlamento de Galicia que afrontaría este importante proxecto “falando co alcalde”. O BNG non lle pide á Xunta que vaia “á velocidade do raio”, senón que non demore máis unha infraestrutura imprescindible para Carballo.
A circunvalación de Carballo non será unha realidade no 2022. A redacción do proxecto aínda non está adxudicada, e aínda será a partir da sinatura do contrato cando empecen a contar os 20 meses de prazo para elaboralo, o que nos sitúa, como mínimo, no verán do ano 2022. Despois haberá que licitar a execución da obra, pero como Ethel Vázquez xa non advirte de que “en proxectos como este hai unha tramitación longa e non só na redacción do documento técnico”, xa estaremos no 2023. Non se precisan dotes adiviñatorias para saber o que pasará ese ano, porque como se celebrarán eleccións municipais terán que volver a “vender” unha infraestrutura da que probablemente, e para desgracia de todos os carballeses e carballesas, aínda non haberá nin un só metro construído.
Para o BNG é urxente solucionar un problema de seguridade viaria e de comunicación dun dos polígonos industriais máis activos de Galicia co sur do país, unha urxencia que, polo que se ve, non comparten nin o PP nin a Xunta de Galicia. Non lle pedimos que vaia “á velocidade do raio”, pero tampouco imos consentir que sigan demorando unha infraestrutura prioritaria e faltándolle ao respecto aos veciños e veciñas do noso concello.