Neste momento estás a ver Evencio Ferrero: “É inadmisible ter que agardar case un mes para unha cita de atención primaria. Isto á Xunta fóiselle das mans”

Evencio Ferrero: “É inadmisible ter que agardar case un mes para unha cita de atención primaria. Isto á Xunta fóiselle das mans”

A situación do centro de saúde de Carballo, coa lista de agarda máis longa de Galiza para unha consulta en atención primaria, ata 26 días, é “incomprensible”. O cualificativo utilizouno o alcalde, Evencio Ferrero, na comparecencia que realizou, acompañado polo deputado autonómico Daniel Pérez López e polo responsable comarcal do BNG de Bergantiños, Xosé Regueira, coincidindo coa presentación no Parlamento Galego de dúas iniciativas, unha proposición non de lei e unha pregunta, esixindo que se poña fin á situación actual.

Xosé Regueira, Evencio Ferrero e Daniel Pérez

“No centro de saúde de Carballo xa non é que se estea baixo mínimos, senón que se está nunhas condicións nas que non é admisible que se teña un mes practicamente de espera. É algo que todos estamos obrigados a denunciar, esperemos que a Consellería de Sanidade estea tomando medidas correctoras, pero isto fóiselle das mans”, apuntou o alcalde. Podedes escoitar o máis destacado das declaracións no vídeo que atoparedes ao final da nova.

A falta de previsión da Consellería de Sanidade ante as baixas de longa duración e as merecidas vacacións do persoal condenan aos nosos veciños e veciñas a agardar ata un máximo de 26 días para ser atendidos, o que, ademais de incidir na inadmisible política de desmantelamento da sanidade pública á que xa nos ten afeitos o goberno de Feijoo, está a provocar unha sobresaturación dos profesionais e do servizo de urxencias.

Iniciativas parlamentarias

Ante tal situación, o BNG, a través do deputado carballés Daniel Pérez López, presentou unha serie de iniciativas parlamentaria urxindo á Xunta a tomar as medidas precisas para que a veciñanza do noso concello dispoña dun servizo de saúde público axeitado a unha sociedade avanzada do século XXI.

Pregunta para resposta oral en pleno: “Que medidas ten pensado adoptar o goberno galego para solucionar os acuciantes problemas de sobrecarga de traballo e falla de persoal facultativo no centro de saúde de Carballo?

Proposición non de lei: “O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a adoptar de xeito inmediato as medidas necesarias para resolver os problemas de sobrecarga de traballo e falla de persoal facultativo no centro de saúde de Carballo.”