Se estás en contra do novo modelo de tarifa eléctrica, se queres que se reduzan os impostos que pagamos sobre a electricidade e se cres que merecemos un sistema que compense o papel produtor de enerxía do noso país, achégate o xoves ou o domingo ata a mesa informativa que instalaremos na rúa Coruña, coincidindo coa celebración do mercado e da feira, e asina, como xa fixeron o deputado Daniel Pérez (na imaxe) e milleiros de persoas máis en toda Galiza.
O BNG de Carballo recollerá sinaturas para que entre todas e todos esixamos a adopción de medidas prácticas, tanto no desenvolvemento das competencias propias, como instando ao Goberno español a aplicar as pertencentes ao seu ámbito, que permitan a diminución do prezo da factura eléctrica e o fin da discriminación que padece Galiza por este motivo, a través das seguintes medidas:
- Unha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz para galegas e galegos, en beneficio de consumidores/as particulares e das nosas empresas, de maneira que se compense o papel de Galiza como excedentaria na produción eléctrica e o forte impacto ambiental e social derivado do seu papel produtor.
- Modificar a Lei do sector eléctrico e os últimos cambios tarifarios de maneira que o prezo da electricidade se estipule en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía.
- Baixada do IVE na factura eléctrica, do actual 21% ao 4% (súper reducido), e eliminación do imposto especial da electricidade.
- Garantir a subministración eléctrica a toda a poboación, establecendo medidas para que non se lle poida cortar a luz a ningunha persoa sen recursos.
- Creación dunha empresa pública galega de enerxía. Inicialmente integrando os encoros que vaian rematando o período de concesión, así como a participación noutros ámbitos de xeración de enerxía para a socialización dos beneficios.
O xoves 8 ou o domingo 11 achégate pola mesa informativa do BNG. Estaremos de 11:00 a 13:30 horas na rúa Coruña.