A improvisación e á inacción da Xunta de Galiza derivan nunha situación desastrosa en áreas da súa exclusiva competencia como son o ensino e a sanidade. A comarca de Bergantiños, onde se pechan escolas e se agrupan niveis en vez de reducir ratios, ou onde xa son catro os concellos con restricións especiais pola elevada incidencia da COVID-19, está a padecer con especial intensidade as consecuencias da falta de xestión da Xunta, que cando non culpa ao Goberno central pásalles a pelota aos concellos. Fronte a esta situación, o BNG de Bergantiños presentou as súas propostas nun acto público no que interviñeron o responsable comarcal, concelleiro en Carballo e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o portavoz da Laracha e delegado da CIG-Saúde na zona, Xoán Sande, e o deputado do BNG no Parlamento de Galiza Daniel Pérez.
Xosé Regueira comezou amosando a solidariedade do BNG “co persoal sanitario, cos docentes e equipos directivos dos centros docentes pero tamén cos concellos, aos que se lles está cargando dende a Administración galega, que ten competencias exclusivas tanto na sanidade coma no ensino, con responsabilidades que van moito máis alá do seu labor ordinario e que por lei non lles competen”. Unha desas responsabilidades son os labores de desinfección dos colexios, malia que, segundo un informe xurídico da Deputación da Coruña, “é un labor que compete á Xunta de Galicia” e que, en todo caso, aínda que o prestasen os concellos tería que financialo a Xunta.
O BNG ten claro que o protocolo de volta ás aulas debería incluír a redución das ratios e, polo tanto, o desdobre de aulas e a contratación de persoal, como se fixo na Comunidade Valenciana, que contratou 4.500 docentes. Pero, en vez diso, o que fai a Xunta é “comprar mamparas”, criticou Xosé Regueira.
Fronte á desastrosa xestión da Xunta, o responsable comarcal do BNG quixo “aplaudir e agradecer a valentía dos claustros e as direccións dos institutos de secundaria”, e animou á sociedade a esixir que se garanta a seguridade sanitaria no ensino público.
Xosé Regueira denunciou ademais que se estea intentando “demonizar” ao persoal sanitario, culpándoo do mal funcionamento da sanidade pública, “cando realmente o que está pasando é que a Xunta non está facendo os deberes, non está cubrindo as baixas, non está substituíndo ao persoal que está de vacacións, e iso o que está facendo é precarizando aínda máis a atención sanitaria, sobre todo a primaria”.
Sanidade
Xoán Sande, traballador da sanidade pública, deu máis detalles. A maiores dos recortes que se veñen sucedendo cada verán dende que goberna Feijoo, nesta situación de pandemia, lonxe de reforzar a atención primaria, os recortes van a máis. E esta é unha situación especialmente grave para a poboación de Bergantiños, onde son xa catro de sete os concellos con restricións sanitarias.
“A atención primaria está vivindo unha situación de sobrecarga e saturación”, asegurou o delegado de CIG-Saúde na zona, tanto pola falta de profesionais como “porque existe unha insuficiencia clara do que lle chaman rastrexadores. Moita xente que tivo contacto con algunha persoa positiva sabe de que lle falo, porque non os chamou ninguén”.
Xoán Sande denunciou, así mesmo, “a política escurantista do Sergas, que nega información, incluso aos concellos, ata o momento no que se impoñen restricións. Iso supón privar aos concellos dunha información que os pode levar a tomar medidas, a facer un chamamento á cidadanía, pero como non se dá esa información ata o momento no que a situación obriga a impoñer restricións, a xente non é consciente desa gravidade”. A única información que publica o Sergas é o número de contaxios, o número de altas e o número de falecidos no conxunto de Galiza e por áreas sanitarias, explicou. “Pódese ver o que fan outras comunidades autónomas e non hai ningunha que dea unha información tan concisa”, rematou Sande.
Educación
“A pandemia colleu a todo o mundo, incluídos aos gobernantes, a pé cambiado, pero xa pasaron seis meses e o que fixo o paso do tempo foi amosar a xestión da COVID por parte da Xunta en materias que son da súa exclusiva competencia como a sanidade e tamén a educación”, continuou Daniel Pérez, que centrou a súa intervención no ámbito educativo.

A súa mensaxe foi clara. En primeiro lugar, “a gravidade da situación esixe protocolos claros e consensuados, co obxectivo de garantir unha volta ás aulas presencial e, sobre todo, segura”. En segundo lugar, as medidas que se adopten deben ser consensuadas coa comunidade educativa, algo que a Xunta tampouco fixo. Presentou un protocolo elaborado unilateralmente a falta de 10 días para o inicio do curso en primaria, sen tempo para aplicar esas medidas e sen ter en conta nin a diminución da ratio de alumnado por aula nin establecer “un plan B para o caso de que a situación sanitaria se agrave e haxa que realizar o ensino dende a casa”.
“Á vista de todo isto _engadiu o deputado no Parlamento de Galiza_, os cualificativos que mellor definen a actuación da Xunta neste eido son improvisación e inacción, nun eido, como é o educativo, no que ten competencias exclusivas”. E as poucas medidas adoptadas foron erróneas, como o peche da escola de Cumiáns, na Laracha, ou o agrupamento de niveis no CEIP Nétoma-Razo. “Son medidas irresponsables e inaxeitadas nunha situación tan grave coma a xerada pola COVID-19”, criticou Daniel Pérez. Por parte do BNG xa se teñen rexistrado iniciativas parlamentarias tanto sobre o peche da unitaria larachesa coma sobre a situación xeral do ensino en Galiza, con propostas tan concretas coma estas:
- Consensuar de xeito urxente coa comunidade educativa un protocolo COVID-19 claro e conciso que rexa as actuacións e normas sanitarias e académicas para o curso 2020-21.
- Implementar medidas encamiñadas a garantir a conciliación familiar ante esta situación de pandemia.
- Proceder á dotación inmediata nos centros de ensino de persoal docente, administrativo e de servizos limpeza e sanitario para garantir unha volta ás aulas presencial e segura.
- Articular medidas para garantir que todo o alumnado teña acceso aos medios técnicos e materiais no caso de termos que volver a un escenario de ensino dende a casa.
“Dende o BNG o que esperamos é que a Xunta rectifique, escoite á comunidade educativa e adopte as medidas necesarias para garantir que as nosas crianzas van acudir dunha maneira segura aos centros de ensino, tanto en primaria coma en secundaria”, manifestou Daniel Pérez, que rematou amosando o seu “apoio total aos equipos directivos, profesorado e persoal non docente, porque a súa actuación está salvando unha situación que podería ser caótica pola improvisación e a inacción da Xunta nun eido coma o educativo, no que teñen competencias exclusivas”.