As xuntanzas que no BNG de Carballo viñamos celebrando todos os meses coas persoas que formaron parte da nosa candidatura nas últimas eleccións municipais quedaran interrompidas pola COVID-19, pero, despois de sete meses, este luns volvemos a xuntarnos, e fixémolo con todas as medidas de protección e nun espazo o suficientemente amplo como é o auditorio do Fórum Carballo.
Ademais dos membros do goberno municipal, na xuntanza estivo presente o deputado Daniel Pérez, que deu conta de varias iniciativas impulsadas polo BNG no Parlamento de Galiza. Entre outras, e dado que o inicio do curso foi un dos temas que se abordou na sesión, o deputado galego referiuse ás iniciativas sobre a gratuidade das máscaras para o alumnado ou sobre o financiamento dos gastos extraordinarios que están tendo que afrontar os centros e tamén os concellos. Todas elas foron rexeitadas polo PP, que ten maioría na Cámara galega.
A educación é unha prioridade para o BNG, e neste curso tan atípico estamos a realizar un seguimento máis exhaustivo aínda do desenvolvemento da actividade nos centros de ensino con accións como a rolda de visitas que está a levar a cabo o deputado Daniel Pérez aos institutos, que continuará esta mesma semana no IES Monte Neme.
Por outra banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, informou aos membros da candidatura presentes na xuntanza do luns sobre o desenvolvemento da actividade institucional. Tamén se falou de cuestións de actualidade local, como o incendio da sede da asociación antidroga Vieiro e a cesión dun edificio alternativo por parte do Concello de Carballo, e doutras de alcance estatal, como a recente decisión do Goberno do Estado de desbloquear o uso dos remanentes por parte dos concellos.
Sempre que as condicións sanitarias o permitan, as xuntanzas mensuais con membros da candidatura, militantes e simpatizantes do BNG de Carballo volverán a formar parte do noso calendario.