Neste momento estás a ver O deputado Daniel Pérez completou a rolda anual de visitas aos centros de secundaria de Carballo

O deputado Daniel Pérez completou a rolda anual de visitas aos centros de secundaria de Carballo

O deputado nacionalista Daniel Pérez rematou este venres no IES Isidro Parga Pondal a rolda anual de visitas aos centros de secundaria de Carballo, nas que tamén participou o alcalde, Evencio Ferrero. Grazas ao contacto periódico cos institutos é posible coñecer as necesidades que teñen en cada momento e trasladalas á Consellería de Educación a través das canles parlamentarias.

O salón de actos do IES Alfredo Brañas, en setembro
O salón de actos do IES Alfredo Brañas, en setembro

A raíz dunha destas xuntanzas foi posible que a cidadanía soubese da situación do salón de actos do IES Alfredo Brañas, no que, despois de 16 meses de agarda e varias iniciativas no Parlamento de Galiza, o BNG conseguiu que a Consellería de Educación se comprometese a licitar as obras este mesmo mes e a poñer o salón de actos a disposición da comunidade educativa para o inicio do curso 2023-24.

Como consecuencia das reunións tamén saíron á luz os problemas que ten un sector do alumnado de ESO e dos ciclos formativos básicos do IES Monte Neme para utilizar o autobús escolar. O deputado Daniel Pérez xa ten presentado tamén no Parlamento unha iniciativa, aínda pendente de debate, para que dende a Xunta de Galiza se garanta aos estudantes o seu dereito a transporte.

Reunión no IES Monte Neme
Reunión no IES Monte Neme

E a xuntanza deste venres no IES Isidro Parga Pondal tamén dará pé a unha iniciativa parlamentaria, neste caso para acadar un compromiso do Goberno da Xunta en canto á adecuación da oferta educativa ás necesidades de Carballo e da comarca. O BNG traballará polo mantemento e a ampliación da formación dirixida a persoas adultas, por unha banda porque o Parga Pondal é a día de hoxe o único centro dende A Coruña ata Fisterra con ESA (Educación Secundaria de Adultos) e EBI (Educación Básica Integrada), e, por outra, porque é preciso incorporar novas ensinanzas como o ciclo modular de informática, en grao medio e superior, que teñen solicitado xa dende o instituto.

Tanto Daniel Pérez como Evencio Ferrero valoraron dun xeito moi positivo a boa acollida por parte dos equipos directivos e puxéronse a disposición dos centros para seguir traballando dun xeito coordinado por unha educación de calidade e adaptada ás necesidades formativas actuais.