O IES Alfredo Brañas, decano e toda unha referencia ao longo dos seus cincuenta anos de historia, segue sendo un dos institutos de secundaria máis importantes da Costa da Morte. Este curso conta con 620 alumnos/as, unha matrícula elevada entre a cal non sorprende a existencia dunha porcentaxe de alumnos e alumnas con necesidades educativas, o que obriga a unha atención máis especializada e individualizada.
Este tipo de necesidades educativas non ten decrecido a respecto de cursos anteriores, polo que a comunidade educativa do IES Alfredo Brañas non comprende a decisión da consellería de reducir a dotación de profesionais de pedagoxía terapéutica que axude a mellorar a integración no centro deste alumnado e a adecuación dos coñecementos e competencias curriculares de forma adaptada ás súas necesidades. No curso actual o IES Alfredo Brañas viuse obrigado a reducir a oferta deste profesorado imprescindíbel para atender as Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE), ficando o instituto atendido só por un profesional de pedagoxía terapéutica. O instituto non conta con ningún especialista en audición e linguaxe, malia telo reclamado a dirección do centro achegando o informe de necesidades educativas presentes no centro e non ter recibido nin contestación por parte da consellería.
Esta situación provocada pola desconsiderada inacción da Consellería de Educación discrimina este alumnado ao ser privado dun recurso educativo, como é a figura de especialistas en PT e AL, fundamentais para o seu avance académico en condicións de equidade. Por todo o exposto, o deputado Daniel Pérez vén de presentar unha pregunta para coñecer que medidas está adoptar ao respecto a Consellería de Educación e unha proposición non de lei instando á Xunta de Galiza a atender as demandas do IES Alfredo Brañas neste curso 2021-2022.