Neste momento estás a ver O BNG reclama no Parlamento de Galiza a creación do cuarto xulgado de Carballo

O BNG reclama no Parlamento de Galiza a creación do cuarto xulgado de Carballo

O Grupo Parlamentar do BNG vén de presentar unha proposición non de lei na que insta á Xunta de Galiza a realizar as xestións oportunas para dotar de novos xulgados mixtos os partidos xudiciais de Viveiro, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Carballo, así como a manifestar a súa oposición a calquera modificación normativa ou decisión gobernamental que poida implicar a supresión ou redución das competencias dos partidos xudiciais existentes.

Na exposición de motivos, os deputados Iago Tabaré, Daniel Pérez, Daniel Castro e Luis Bará, e das deputadas Montse Prado e Rosana Pérez expoñen que dende o ano 2010 non se crearon novos xulgados en Galiza, agás no ano 2017 en Ferrol, Ourense, Vigo e A Coruña, o cal, ademais de preocupante, é “unha clara expresión dunha estratexia deliberada e planificada dirixida á concentración da actividade xudicial nas denominadas sete grandes cidades”.

A desatención aos partidos xudiciais das cidades medias e vilas galegas, como Carballo, non é unha apreciación en exclusiva do BNG, senón que, na sesión do 26 de febreiro do 2021, o Pleno da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia propón, por considerar que responden a necesidades mínimas e esenciais, a creación de novas unidades xudiciais, entre elas o xulgado mixto número 4 de Carballo.

A Xunta non asumiu a proposta realizada polo máximo órgano de goberno da xudicatura en Galiza, e como resultado desa desatención, os xulgados mixtos de Ribeira, Vilagarcía, Viveiro e Carballo “presentan unha taxa de conxestión superior á media estatal e galega, pouco compatible cunha boa prestación do servizo público, e cun ingreso de asuntos na vía civil superior ao módulo aprobado, con carácter orientativo, polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza”.