Carballo non terá cuarto xulgado, e debemos agradecerllo ao Partido Popular, que votou en contra da súa creación na Comisión 1ª de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galiza. Os populares rexeitaron a iniciativa defendida por Iago Tabarés, portavoz de Xustiza do BNG, na que se instaba á Xunta de Galiza a realizar as xestións oportunas para dotar de novos xulgados mixtos os partidos xudiciais de Viveiro, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Carballo, así como a manifestar a súa oposición a calquera modificación normativa ou decisión gobernamental que poida implicar a supresión ou redución das competencias dos partidos xudiciais existentes.
Os nosos argumentos están claros. Dende o ano 2010 só se crearon xulgados nas grandes cidades, o que claramente obedece a unha estratexia dirixida á concentración da actividade xudicial no ámbito urbano, mentres se desatenden as vilas e cidades medias coma a nosa.
A necesidade do cuarto xulgado de Carballo está avalada, ademais, polo Pleno da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que xa o ano pasado propuxo, por considerar que responden a necesidades mínimas e esenciais, a creación de novas unidades xudiciais, entre elas o xulgado mixto número 4 de Carballo.
A Xunta non asumiu a proposta realizada polo máximo órgano de goberno da xudicatura en Galiza nin polo BNG, polo que o nivel de conxestión dos nosos xulgados seguirá aumentando. “Os veciños e veciñas do partido xudicial de Bergantiños son vítimas, unha vez máis, do desapego do Partido Popular pola nosa comarca: na sanidade, nas infraestruturas, na promoción dos sectores primarios… e agora tamén na xustiza”, lamenta o deputado carballés Daniel Pérez.