O BNG vén de presentar no Parlamento de Galiza unha proposición non de lei na que insta á Xunta a establecer a gratuidade das dúas autovías galegas de peaxe, a AG-57 e a AG-55, de maneira temporal, en tanto persista o actual contexto de suba de prezos. A discriminación histórica que veñen sufrindo os habitantes e as empresas das áreas Vigo-Val Miñor e A Coruña-Bergantiños vese agravada polas consecuencias do incremento dos prezos dos carburantes, que afectan tanto ao sector do transporte coma ás persoas particulares, e que, sumadas ás elevadas peaxes que xa teñen que soportar, constitúen unha pesada carga que é preciso aliviar.

Pero dende o BNG consideramos que as medidas non deben rematar aquí, e por iso tamén propoñemos que, unha vez se estabilicen os prezos, por parte da Xunta se apliquen descontos para todo tipo de vehículos de cando menos o 50% nas viaxes de volta. Neste sentido cómpre lembrar que a Xunta xa aprobou bonificacións para persoas usuarias de dispositivos de telepeaxe. Ademais, como consecuencia do acordo de investidura asinado polo BNG e o PSOE en xaneiro do 2020, os orzamentos do Estado incluíron unha partida para bonificar as viaxes de volta dos/as usuarios/as a AP-9 nun 50%. En consecuencia, o goberno galego debería incluír polo menos unha medida similar nas autoestradas da súa competencia.

Non podemos esquecer que a nosa comarca sufre un agravio e unha forte discriminación con respecto a outras zonas de Galiza que contan con autovías libres de peaxe (O Morrazo, O Salnés, Barbanza, Santiago-Brión), e que esta situación provoca efectos negativos na mobilidade das persoas de Carballo e do resto de Bergantiños e da Costa da Morte que teñen que desprazarse á Coruña por motivos laborais, de estudos ou sanitarios. A peaxe é un lastre para a competitividade das empresas e provoca un efecto negativo polo incremento do tráfico nas travesías urbanas da AC-552, aumentando a inseguridade viaria. Por iso, dende o BNG tamén demandamos nesta proposición non de lei que se estude o rescate das concesións das dúas autoestradas de titularidade autonómica.