A xunta directiva da Asociación de Hostalaría de Carballo ao completo e un representante da hostalaría nocturna participaron nunha xuntanza con representantes do BNG no Concello, a Deputación Provincial e o Parlamento de Galiza. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane; o concelleiro de Promoción Económica e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o deputado carballés do BNG no Parlamento de Galiza, Daniel Pérez, informaron sobre as medidas impulsadas polo grupo nacionalista dende as distintas Administracións para apoiar a un dos sectores económicos máis castigados pola COVID-19.
Evencio Ferrero ofreceu unha exposición pormenorizada da xuntanza na que participou esta mesma mañá, xunto co resto dos alcaldes das comarcas de Bergantiños e Soneira, co conselleiro de Sanidade, na que por fin se ofreceron datos por concellos da incidencia da enfermidade e anticipáronse posibles medidas restritivas, máis severas que as actuais, que se darán a coñecer mañá venres pola Xunta de Galicia e que poderían afectar especialmente ao sector hostaleiro.
A este respecto, o vicepresidente da Deputación pediu “que non se criminalice ao sector” polas condutas illadas duns poucos e amosou a súa esperanza de que non se peche por completo a hostalaría, fundamentalmente porque non hai datos que o xustifiquen.
Medidas
Ademais dos programas Sempre Carballo e PEL Reactiva, este último en colaboración coa Deputación da Coruña, o BNG está traballando dende o Concello de Carballo en novas axudas ao sector de cara ao 2021: bonificación trimestral no recibo do lixo ata un 50% do total, que xa se aprobará no pleno ordinario deste mes e que beneficiará á hostalaría e as axencias de viaxes; exención do pago da taxa de terrazas para todo o ano que vén e pago diferido “para todo tipo de taxas e impostos municipais”, que xa se pode solicitar no servizo de recadación.
Fronte ao compromiso do Concello de Carballo e tamén da Deputación, que leva investidos 24,5 millóns de euros en axudas aos sectores máis castigados pola COVID-19, o BNG critica a falta de apoio por parte da Xunta de Galicia. “O sector turístico galego non pode estar pendente de 70 millóns de euros, que non dan para paliar ningún tipo de perdas, porque estamos a falar de 26.000 persoas”, criticou Xosé Regueira. A Xunta vai investir o mesmo que a Comunidade de Murcia, que ten a metade de orzamento que Galiza, e ademais o vicepresidente da Deputación puxo en dúbida que esas axudas cheguen realmente ao sector. “Das anteriores ningún hostaleiro de Carballo viu nin un euro”, asegurou. “Hai que pedir un rescate, con todas as letras, porque a hostalaría nocturna, por exemplo, está abocada á miseria absoluta”.
Xosé Regueira referiuse ademais a un problema engadido: as trabas administrativas para que os concellos poidan articular medidas de apoio aos sectores económicos. Nese sentido demandou da Xunta que estableza o marco legal necesario, aínda que sexa dun xeito transitorio, para poder afrontar as necesidades da cidadanía, tanto das empresas coma das familias.
Iniciativas no Parlamento de Galiza
Nesa liña, dende o grupo parlamentario do BNG non se cuestiona ningunha medida sanitaria, pero “cremos que chegou o momento de poñer sobre a mesa as necesidades dos diferentes sectores económicos e sociais”, expuxo Daniel Pérez. O deputado carballés, que esta mesma mañá participou, xunto a Ana Pontón, nunha xuntanza con representantes do sector das catro provincias e do Clúster de Turismo, aludiu á necesidade de que os Orzamentos da Xunta do ano 2021 inclúan unha partida suficientemente dotada para poder utilizala de maneira inmediata para paliar as consecuencias dos posibles peches de actividades que poidan producirse.
A maiores, o BNG propón a adopción de medidas como o aprazamento dos pagos de IRPF, IVE e Imposto de Sociedades, un IVE reducido do 4% para hostalaría e turismo, a exención do pago de cotas da Seguridade Social ou campañas de promoción, entre outras, que deben adoptarse dun xeito coordinado entre as administracións central e autonómica. “As axudas que se anuncian por parte da Xunta son insuficientes e son moi puntuais, pensadas só para este momento, pero despois que? O que fai falta é un plan integral, con moita máis dotación, e que non se limite a un peche concreto, porque, por desgraza, a pandemia continúa”, concluíu Daniel Pérez.