Neste momento estás a ver Evencio Ferrero: “Cando un carballés defende os orzamentos da Xunta de Galicia é unha decepción, porque non son, nin de lonxe, os orzamentos que Carballo precisa”

Evencio Ferrero: “Cando un carballés defende os orzamentos da Xunta de Galicia é unha decepción, porque non son, nin de lonxe, os orzamentos que Carballo precisa”

Como di Evencio Ferrero, “os gobernos teñen que ser transformadores, e traballar por mellorar o espazo onde decidimos vivir”. Con esa filosofía, o BNG acometeu no período 2005-2009, no que tivo responsabilidades de goberno na Xunta de Galicia, proxectos que transformaron Carballo, como a ampliación do polígono industrial de Bértoa, a construción de tres grandes depuradoras, a urbanización da travesía da estrada de Malpica, a construción dun centro de día e dunha escola infantil, e mesmo no último ano do goberno compartido co PSOE había consignación nos orzamentos para a circunvalación ou o abastecemento de auga á costa.

Todo iso fíxose en catro anos, pero dende que o PP chegou ao goberno da Xunta no 2009 non só non se acometeron novos proxectos transformadores, senón que os que había quedaron esquecidos. “O que teñen que facer os gobernos é priorizar no seu momento para non chegar tarde ás grandes decisións, e o PP, ano tras ano, chega sempre tarde ás decisións que hai que tomar en Carballo”, lamenta o alcalde de Carballo.

O proxecto de orzamentos para o ano 2023 é máis do mesmo. Nin segunda ampliación do polígono de Bértoa, que está esgotado; nin circunvalación, nin abastecemento de auga á costa, nin travesías… Por iso, “cando un carballés defende os orzamentos actuais da Xunta de Galicia, un non pode estar máis que decepcionado, porque non son, nin de lonxe, os orzamentos que Carballo precisa”, sinala Evencio Ferrero.

E, un ano máis, o BNG seguirá insistindo, a través das emendas aos orzamentos, para que dende a Xunta se asuman as grandes prioridades de Carballo. E serán as mesmas que o ano pasado, e o anterior, e o anterior…  Porque, como indica o deputado Daniel Pérez, “xa non é só que non se executen eses investimentos, é que mesmo se recortan cada ano».

“Gustaríanos dicir algo diferente, e que a Xunta tivese atendido algunha das demandas históricas desta comarca, pero a realidade é que Bergantiños segue a ser unha comarca esquecida pola Xunta», asegura o responsable comarcal do BNG, Marcos Trigo. O proxecto de orzamentos para o 2023, que se debaterán nos vindeiros días no Parlamento, son, dende o noso punto de vista, desilusionantes, insuficientes, irreais e fraudulentos.

[embedyt] https://www.youtube.com/watch?v=8hXEg535cgg[/embedyt]