Na tramitación dos Orzamentos Xerais de Galiza para o ano 2022, ao BNG tócalle, unha vez máis, ser a voz da gran área da Costa da Morte, porque a nosa é unha comarca esquecida historicamente polo Partido Popular e cada vez máis desaparecida das súas políticas.
Como apunta o responsable comarcal de Bergantiños, Xosé Regueira, o BNG terá que seguir reclamando débedas históricas, “porque o Partido Popular ano tras ano promete cousas que despois non fai”. E eses reiterados incumprimentos derivan nunha situación que, dende Soneira e Fisterra, Serxio Domínguez cualifica como “límite e dramática”, xa temos unha poboación máis envellecida e empobrecida. “Dous de cada dez maiores de 65 anos viven con menos de 550 euros ao mes, se é que a iso se lle pode chamar vivir”, engade. E por iso, neste momento máis ca nunca, “cómpre que a Xunta se tome en serio o que está pasando na Costa da Morte: estamos desaparecendo”, asegura.
Ante esta crúa realidade, “dicir que estes orzamentos son óptimos, ademais de pretensioso, demostra un descoñecemento absoluto das necesidades da Costa da Morte por parte do Partido Popular”, manifesta Daniel Pérez, deputado do BNG no Parlamento de Galiza.
Da falta de interese do PP pola Costa da Morte hai sobradas probas no proxecto de Orzamentos que vén de presentar. Tantas probas como ausencias de investimentos imprescindibles para reverter a situación económica e social da nosa comarca. Un exemplo é a ridícula consignación para a variante de Carballo, con 500.000 euros que non dan nin para a redacción do proxecto completo, por non falar de que, un ano máis, o PP segue eludindo a ampliación do polígono de Bértoa, “que –como lembra Daniel Pérez- é vital para Carballo e para toda a Costa da Morte como xerador de emprego. A resposta da Xunta é incluír, de palabra, e digo de palabra porque non hai ningunha partida específica, 500.000 euros. Nós insistimos en que a ampliación é imprescindible para seguir medrando e xerando emprego para Carballo e para a comarca”, sinala o deputado nacionalista.