O 7 de outubro iniciamos unha campaña de recollida de sinaturas para esixir do Sergas a atención e os servizos sanitarios que Carballo precisa. En menos dun mes superamos xa as 1.000 sinaturas de carballesas e carballeses que demandamos a construción dun segundo centro de saúde, como teñen todos os concellos galegos de máis de 30.000 habitantes agás do noso, e que resulta imprescindible para acabar cos graves problemas de saturación que ten o actual.
Fronte a este clamor popular, que volveu a reflectirse este domingo nas mesas informativas que instalamos na rúa Coruña e no Campo da Feira, o presidente da Xunta vén de anunciar a construción de 37 centros de saúde en Galiza, pero o de Carballo non figura entre eles. Malia recoñecer que en Carballo é preciso acometer unha actuación “urxente por necesidades asistenciais”, a única mellora que propoñen é unha ampliación para converter o actual centro de saúde nun CIS (Centro Integral de Sanidade), unha denominación sen ningún contido definido porque en realidade o que agocha son aínda máis problemas de saturación e, en consecuencia, de deterioro da atención primaria para a veciñanza do noso concello e do resto da comarca.
O abandono dos servizos médicos en Carballo por parte do Sergas é unha cuestión histórica, como históricas son as demandas do BNG nesta materia. Durante os anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza, en Carballo elimináronse especialidades e non se dotou o centro de saúde do persoal suficiente nin do espazo físico necesario para prestar o servizo de calidade que merecen os veciños e as veciñas do noso concello, que, polo contrario, sofren a diario a masificación do edificio e listas de agarda que chegaron a ser este verán de ata 26 días, as máis longas de toda Galiza.
Fronte a esa reforma que defende o PP en Santiago e tamén en Carballo, malia que o concelleiro e deputado autonómico Rubén Lorenzo non foi quen de explicar no pleno que se pretende facer e en que vai beneficiar á veciñanza, dende o BNG cremos que é preciso, máis que nunca, seguir reivindicando a construción dun segundo centro de saúde nunhas instalacións acordes ás necesidades actuais, e iso tamén significa, como estamos a demandar na campaña de recollida de sinaturas, a dotación de máis persoal, a recuperación dos servizos e especialidades eliminados e o incremento da carteira de especialidades. Non é de recibo que, a día de hoxe, teñamos que desprazarnos á Coruña para case todo.
Por todo iso, o BNG de Carballo manterá o tempo que sexa preciso a campaña de recollida de sinaturas, tanto presencialmente, en distintas localizacións, coma de xeito telemático en Change.org.