O deputado do BNG Daniel Pérez presentou no Parlamento de Galiza unha proposición non de lei e dúas preguntas sobre o abandono do histórico instituto.
O IES Alfredo Brañas leva seis meses sen poder utilizar o salón de actos. No mes de xuño derrubouse sobre o patio de butacas unha parte do falso teito, que provocou importantes danos materiais, e tras unha primeira visita técnica, na que se anunciou a reparación para finais do verán, non houbo máis novas da Consellería de Educación. “Temos que denunciar a lamentable situación na que se atopa o instituto Alfredo Brañas, unha mostra máis da competencia e inacción dun Goberno da Xunta de Galiza que segue a discriminar a Carballo nas cuestións máis fundamentais, como son a sanidade e a educación”, expón o deputado do BNG Daniel Pérez.
O parlamentario carballés presentou no Parlamento de Galiza unha proposición non de lei e dúas preguntas instando á Xunta de Galiza a acometer a urxente reparación do salón de actos, pero tamén outras necesidades que presenta o histórico edificio, que vén de celebrar o seu 50º aniversario. “En todo este tempo, o Alfredo Brañas ten recibido moi poucos investimentos por parte da Xunta, malia a necesidade e intervir nas fachadas ante o risco de desprendementos que presentan ou de acometer unha reforma integral do salón de actos, que conta cunhas 400 prazas e que sempre tivo moitísimo uso”, sinalou o deputado.
Daniel Pérez apunta que tras a caótica situación que provocou a COVID-19 o ano pasado, e que obrigou aos equipos directivos a asumir responsabilidades que corresponderían ás autoridades educativas e sanitarias da Xunta de Galiza, este ano debería existir un apoio moito maior por parte da Administración autonómica, pero, lonxe diso, “déixanos abandonados”, asegura.
O deputado carballés ponse, unha vez máis, a disposición do equipo directivo do IES Alfredo Brañas e do resto dos centros educativos de Carballo e da comarca, e seguirá insistindo ante a Administración competente en materia educativa, que é a Xunta de Galiza, para que asuma as súas responsabilidades. “Tamén en educación Carballo merece o respecto da Xunta e outro trato por parte do Goberno galego”, declara.
Pregunta oral para resposta en pleno
Pregunta para resposta escrita
Pregunta oral para resposta na Comisión 4ª
Proposición non de lei para o seu debate na Comisión 4ª