O BNG presentou esta noite no Pazo da Cultura ás 31 persoas que integran a candidatura para as eleccións municipais, “o equipo ideal para seguir transformando o concello no que nacemos e no que sempre vivimos, e que desde o 2003 temos a moi honrosa responsabilidade de gobernar. Persoas -dixo Evencio Ferrero- dispostas a traballar para mellorar Carballo, porque o mellor está por vir”.
O alcalde e candidato á reelección agradeceu a xenerosidade e o apoio das 30 persoas que o acompañan nesta nova etapa para seguir transformando o noso concello, que xa é “un concello vivo, dinámico, con iniciativa, moi saneado economicamente, sen ningunha débeda coas entidades financeiras, con proxectos de futuro, con actividades innovadoras en cultura e exemplares no deporte, con atención preferente a moitas familias con necesidades, cun polígono industrial que é o que máis demanda de solo ten de toda Galiza… Un concello cun ordenamento urbanístico que nos permite deseñar o Carballo do futuro, con plans especiais para o noso litoral de Razo e Pedra do Sal. Queremos seguir sendo referente en toda a Costa da Morte e que tamén sexamos referente en Galiza. E en Carballo hai futuro porque tamén hai moita xente nova con moito empuxe como vedes na nosa candidatura, con máis equipo e máis ideas”.
O BNG ten o mellor equipo para gobernar Carballo. Sábeo ben o presidente provincial do PP, que iniciou a campaña “pretendendo vender medo e trolas”. Diego Calvo, engadiu Evencio Ferrero, “prefire seguir coa cantinela desa trola reiterada de que vou renunciar” para non explicar o abandono de Carballo desde as institucións gobernadas polo PP. “Podía explicar -engadiu o alcalde- por que cando foi presidente da Deputación non se fixo un só metro da travesía de Sísamo na que si se avanzou no actual mandato, algunha explicación debería dar, ou tamén podería explicar porque variou o PP coa súa presidencia os criterios de reparto de fondos provinciais para favorecer ás tres grandes cidades que hai catro anos gobernaban na provincia (Coruña, Santiago e Ferrol) e que tanto perxudicaron ao resto dos concellos por suposto a Carballo e moito, en varios millóns”.
Pero non, os populares están máis preocupados en saber quen sucederá a Evencio Ferrero no futuro. “Hai moitas personas válidas en Carballo para asumir esa responsabilidade, pero neste acto pido a vosa complicidade para que nunca sexa un candidato do PP e non volva nunca a dereita da desfeita”, manifestou.
O alcalde de Carballo agradeceu o apoio popular que vén recibindo o BNG dende o 2003 e agarda que ese apoio se traslade ás eleccións xerais para “conseguir que Galiza volva a ter voz”.
Presentación de Inés Rodríguez
Inés Rodríguez, responsable local do BNG de Carballo, encargouse da presentación do acto. “Eu nacín en setembro de 1982, igual que o BNG, así que…. está claro que non podía ser doutro partido”, comezou. Naquel 1982, no que tamén se celebraron eleccións xerais, gobernaba a dereita en Carballo. A dereita do complexo deportivo da Grela, do parque infantil de tráfico que nunca chegou a facerse, das contribucións especiais para calquera obra que se fixera, a que aquel ano subiu o recibo da auga un 60%, a que deixou que pechase a comisaría da Policía Nacional.
Así era o concello “do que di sentirse tan orgulloso o que daquela era concelleiro de Seguridade, hoxe candidato do PP. Esperemos que non queira recuperar o modelo. Eles queren vendernos que calquera tempo pasado foi mellor, pero nós sabemos que non, que o mellor está por vir”.
“Carballo -rematou Inés Rodríguez- xa é un bo lugar para vivir grazas á ilusión, á dedicación e ao traballo colectivo de todas e cada unha das persoas que formaron parte das nosas candidaturas nos últimos 16 anos. Pero queremos que sexa aínda mellor, e por iso hoxe presentamos ao mellor equipo para afrontar os retos que nos presenta o futuro. Un equipo sólido que reforzamos aínda máis con novas incorporacións, con máis proxectos, máis gañas, máis experiencia e máis savia nova. Un equipo de carballesas e carballeses orgullosos do noso pobo. O equipo que vai gañar as eleccións do 26 de maio”.
Intervención de Xoán Sande
No acto desta noite tamén interviu o larachés Xoán Sande, candidato ao Congreso dos Deputados, que presentou aos candidatos e candidatas do BNG nos concellos de Bergantiños e insistiu na necesidade de que o BNG teña voz en Madrid “para defender os intereses de Galiza e para frear á dereita retrógrada”.