O BNG aspira a reforzar a súa maioría absoluta co mellor equipo para gobernar Carballo, co convencemento de que o mellor está por vir. Hoxe presentamos ás 12 persoas que encabezan a candidatura, na que mesturamos a experiencia e a renovación precisas para seguir mellorando o noso concello.
Un Carballo que siga transformándose para recuperar o esplendor que nunca debeu perder, que siga derrubando barreiras con proxectos urbanísticos transformadores e muros con pintura, que reforce o seu liderado no ámbito teatral, no audiovisual, no medioambiental ou no deportivo. Un Carballo que aposte sempre polas persoas, por mellorar a calidade de vida con máis servizos para as familias, máis formación para xerar máis oportunidades laborais, máis participación veciñal para acadar niveis máis altos de democracia e máis coberturas sociais para quen máis o precisa. Un Carballo que lidere o despegue industrial, que sexa motor de creación de emprego, porque Carballo debe ser a locomotora do desenvolvemento da Costa da Morte.
Por iso queremos seguir con forza no concello para avanzar na construción do Carballo do futuro. Facer concello dende os barrios e dende as parroquias, crear consensos entre os axentes económicos, sociais e educativos, seguir construíndo un Carballo verde, integrador, máis xusto e con máis igualdade, un bo lugar para camiñar, para desfrutar e para traballar. Un bo lugar para vivir.
Queremos conseguir todo isto dende a capacidade para liderar un proxecto que una á cidadanía arredor dun horizonte común. No BNG sabemos facelo e este é o mellor equipo para logralo:
- Evencio Ferrero Rodríguez. Alcalde de Carballo.
- Belén Lendoiro Esmorís. Licenciada en Filosofía. Profesora do IES Parga Pondal e Concelleira de Facenda, Patrimonio, Persoal e Réxime Interior.
- Xosé Regueira Varela. Concelleiro de Promoción Económica e Normalización Lingüística. Portavoz dos grupos provincial e municipal do BNG. Deputado provincial responsable das áreas de Cooperación, Plans Provinciais Xerais, Asistencia a Municipios, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico.
- Milagros Lantes Seara. Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Contratación e Seguridade.
- Juan Seoane Collazo. Licenciado en Historia da Arte, autónomo do sector da construción e director deportivo do Club Ciclista Carballo.
- Maruxa Suárez Cotelo. Orientadora escolar. Membro da Aula de Teatro Municipal.
- Luis Lamas Álvarez. Concelleiro de Obras e Servizos.
- Maica Ures García. Licenciada en Ciencias Políticas. Concelleira de Igualdade, Benestar e Participación Veciñal.
- Marcos Trigo Facal. Licenciado en Educación Física. Concelleiro de Deporte e Cultura.
- Mar Eirís Villar. Profesora no IES Parga Pondal. Concelleira de Educación e Festas.
- Miguel Vales Mallo. Enxeñeiro agrónomo. Concelleiro de Medio Ambiente.
- Iván Andrade Tasende. Enxeñeiro industrial, xefe de proxectos de consultoría enerxética. Membro da xunta directiva de Balonmán Xiria e monitor de zumba.
A candidatura completa, que estará integrada por 21 titulares e 10 suplentes, presentarémola o vindeiro luns 15, ás 20.30 horas, coincidindo coa celebración do acto público central da campaña das eleccións xerais, no que contaremos coa presenza de Néstor Rego, candidato pola provincia da Coruña, e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.