Neste momento estás a ver Apoiamos as reivindicacións do empresariado do polígono e instamos á Xunta a saldar as súas débedas coa circunvalación e con Carballo

Apoiamos as reivindicacións do empresariado do polígono e instamos á Xunta a saldar as súas débedas coa circunvalación e con Carballo

No BNG de Carballo compartimos plenamente as reivindicacións do empresariado do polígono de Bértoa con respecto á necesidade dunha vía de circunvalación que facilite a comunicación da capital de Bergantiños con Santiago e co sur de Galiza. Non é de recibo que o parque industrial máis dinámico de Galiza, como demostran convocatoria tras convocatoria os datos de adxudicacións de parcelas por parte de Xestur, estea conectado coa capital galega a través de vías urbanas, o cal dificulta o intercambio comercial das nosas empresas con toda a zona sur da comunidade autónoma, ao tempo que contribúe á inseguridade viaria.

A demanda da variante de Carballo é case tan vella coma a democracia, pero no ano 2009 conseguimos que por fin figurase nos Orzamentos da Xunta e fose incluída no Plan Move para a súa execución antes do 2013. Pero foi só un espellismo, e seguimos agardando por unha infraestrutura imprescindible para o desenvolvemento empresarial, e polo tanto económico, de Carballo e dos concellos da contorna.

Dende o BNG vimos reclamando ano tras ano que se cumpra aquel compromiso e que a Xunta salde as súas débedas coa circunvalación e con Carballo. Pediullo expresamente o alcalde carballés, Evencio Ferrero, ao presidente da Xunta no ano 2010, na única visita que fixo ao noso concello, para inaugurar o polígono industrial xestionado e impulsado polo Goberno Bipartito da Xunta. E volveullo a pedir hai agora un ano, na primeira entrevista que lle concedeu Feijoo dende que é presidente da Xunta. A construción da variante figuraba no primeiro lugar das cinco únicas actuacións que Evencio Ferrero reclamou para Carballo e que continúan sen resposta.

No BNG poñémonos a disposición da sociedade carballesa e bergantiñá para seguir loitando contra unha actitude caprichosa e discriminatoria que está privando ao noso concello e á nosa comarca dunha infraestrutura de futuro, necesaria e viable.