A violencia obstétrica tamén é violencia de xénero. Arredor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no BNG de Bergantiños queremos abrir un debate social sobre esta forma de violencia que se produce no sistema sanitario, que supón unha violación dos dereitos das mulleres e que se manifesta nun trato deshumanizado por parte dos/as profesionais da saúde.
Cada vez son máis as voces que se alzan en Galiza contra a violencia obstétrica, e queremos escoitalas nun faladoiro, aberto á participación de toda a cidadanía, que celebraremos o sábado 24, a partir das 17.30 horas, no Fórum Carballo.
Contaremos con Isabel Abel, da Asociación Galega de Matronas, unha entidade que leva máis de trinta anos traballando polo recoñecemento da profesión e pola mellora da saúde da muller; Nuria Otero, de O parto é noso, un colectivo con presenza en Galiza desde hai 11 anos que pretende mellorar as condicións da atención a nais e fill@s durante o embarazo, o parto e o posparto, e María Porto, de Embarazadas Galicia, que nos últimos anos veñen denunciando as prácticas obsoletas e reivindicando os dereitos das mulleres embarazadas para evitar o tan frecuente turismo obstétrico.
Sen dúbida, tres voces de sobra autorizadas coas que poderedes compartir experiencias, opinións e propostas se vos achegades o sábado 24 ata o Fórum Carballo. A entrada é libre.