Xa coñecedes a todas as 10 persoas que figuran como suplentes na nosa candidatura. Sen elas non sería posible presentarvos ao mellor equipo para gobernar Carballo, porque no BNG todas e todos contamos, dende o número 1 ata o 31, e dende a primeira ata a última veciña do noso concello. Hoxe comezamos a presentarvos ás 21 titulares.
Estes días cúmprense 10 anos da incorporación ao goberno municipal da nosa concelleira de Terceira Idade e Sanidade, que nestas eleccións figura no número 21 da lista. Mari Carmen Regueira Baldomir vén desempeñando un importante labor de dinamización da vida dos nosos maiores con iniciativas que pouco a pouco vanse estendendo por todo o territorio, coma o programa de exercicio físico, os bailes ou, máis recentemente, os cursos para aprender a manexar os teléfonos móbiles, que tanto éxito están acadando.
Dende a área de Sanidade, e malia que os concellos carecemos de competencias, nos últimos tempos impulsou a transformación da antiga unidade asistencial de drogodependencias na actual Unidade de Condutas Adictivas (UCA), para dar resposta aos problemas de adiccións da sociedade actual.
Mari Carmen formou parte dende a súa constitución dos consellos parroquiais de Oza, onde naceu, e Bértoa, onde vive, traballando tamén, polo tanto, nos proxectos de desenvolvemento, modernización e dinamización do rural que estamos a impulsar en todas as parroquias.
E todo iso compaxinado co seu traballo como mestra de Educación Física, a especialidade na que se licenciou. Sen dúbida, ela é un dos valores do noso goberno e da nosa candidatura, integrada por persoas que, coma Mari Carmen Regueira, levamos Carballo na cabeza e no corazón.