A práctica totalidade da xunta directiva da Asociación de Empresarios do Polígono participou hoxe nunha xuntanza co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o deputado do BNG no Parlamento de Galiza Daniel Pérez. “Do que se tratá é de ir pulsando as necesidades estratéxicas da comarca e de Carballo, e nós pensamos que unha necesidade obxectiva, e mesmo de urxencia, son temas vinculados ao polígono industrial: ampliación, circunvalación e servizos como a fibra óptica ou o gas”, explicou Evencio Ferrero.

As demandas do BNG son plenamente coincidentes coas do empresariado, como se puxo de manifesto, unha vez máis, na xuntanza de hoxe, e nese sentido o deputado carballés púxose a disposición da Asociación de Empresarios do Polígono para canalizar estas e outras cuestións a través das iniciativas que sexan precisas no Parlamento de Galiza. “Para nós _sinalou Daniel Pérez_ está clarísimo que a solución a estas demandas, algunha delas histórica, é unha cuestión de vontade política”.
Para o BNG, como expresou Daniel Pérez, o polígono de Carballo constitúe, xunto cos da Laracha e Arteixo, “un eixo industrial de gran proxección, moi importante pensando no emprego e no pulo económico que precisa toda a zona. Temos claro que é necesaria unha ampliación do polígono, porque a ocupación actual supera o 82% e as parcelas que quedan non teñen tamaño suficiente para atraer empresas medianas e grandes. Unha obriga das institución é anticiparse ás necesidades, e a forma de facelo neste caso é xestionando a ampliación do polígono”, engadiu.
Tanto o deputado autonómico coma o alcalde lembraron que o polígono de iniciativa pública foi desenvolvido cando o BNG tivo responsabilidades na xestión do solo empresarial na Xunta de Galiza, e que xa naquel momento quedara prevista unha ampliación de máis de 500.000 euros en dous sectores e mesmo se iniciara a adquisición de solo por parte de Xestur, titular xa de boa parte dos terreos. Pero dende que o PP goberna en Galiza non se fixo ningún movemento nese sentido, malia as reiteradas peticións e a altísima demanda de parcelas que segue a ter o polígono de Carballo.

O parque empresarial de Bértoa está abandonado pola Xunta de Galiza, e aínda hoxe carece de redes de fibra óptica ou gas. “Non se entende que no século XXI esteamos falando de fibra ou de gas”, manifestou o vicepresidente da Deputación, para o que está clarísimo que o polígono de Carballo “é competitivo grazas ao empresariado, non pola axuda da Xunta”.
A ampliación do polígono de Carballo será motivo das iniciativas parlamentarias que sexan necesarias por parte do BNG, así coma a demanda deses servizos imprescindibles para o funcionamento de calquera empresa nos nosos tempos. Do mesmo xeito, o BNG seguirá reivindicando a circunvalación, porque, como indicou Evencio Ferrero, “non estamos falando da variante de Carballo, senón da comunicación da comarca co sur de Galiza”. Todas esas reivindicacións reúnense nun vídeo que se presentou hoxe aos empresarios e que tamén se trasladará ao Goberno da Xunta.
“Como carballés, síntome decepcionado”, asegurou o alcalde con respecto ás sucesivas demoras por parte da Xunta de dous proxectos estratéxicos para o noso concello como a ampliación do polígono e a circunvalación. “As cuestións estratéxicas teñen que estar por riba dos gobernos”, manifestou Evencio Ferrero. Nese sentido, Daniel Pérez engadiu que un voto en contra do PP á ampliación do polígono ou á axilización da variante “non se entendería”.