Neste momento estás a ver Daniel Pérez e Evencio Ferrero, sobre o enésimo anuncio do PP de ampliación do polígono de Bértoa
Daniel Pérez e Evencio Ferrero valoran o novo anuncio do PP sobre a ampliación do polígono de Bértoa

Daniel Pérez e Evencio Ferrero, sobre o enésimo anuncio do PP de ampliación do polígono de Bértoa

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou Carballo esta semana, non sabemos se a título oficial ou particular, para realizar o enésimo anuncio de ampliación do polígono de Bértoa. En calquera caso, nin o alcalde nin ningún grupo municipal agás o do PP foi convidado ao encontro que mantiveron no polígono industrial.

O deputado do BNG no Parlamento de Galiza Daniel Pérez e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, valoraron de xeito positivo o anuncio de que a ampliación do parque empresarial será unha realidade no ano 2025. Pero hai matices: por unha banda, porque, como indicou Daniel Pérez, vén habendo anuncios deste tipo antes de cada proceso electoral dende o ano 2019; pola outra, porque, como ben apuntou Evencio Ferrero, a Xunta vén incumprindo os prazos reiteradamente.

Pero o alcalde de Carballo amosou a súa profunda decepción sobre todo polo feito de que a necesaria ampliación vaia realizarse en dúas fases, e a prevista pola Xunta para o ano 2025 é a máis pequena, con parcelas reducidas e nas que se prima o uso comercial sobre o industrial, polo que “isto non solucionará os problemas de falta de solo industrial en Carballo”, asegurou.

Evencio Ferrero “non é pitoniso” pero, como lembrou Daniel Pérez, hai dous anos, ante outro anuncio similar, xa declarara que non se podería poñer solo industrial a disposición dos/as emprendedores/as como mínimo ata o ano 2024, unhas manifestacións que lle valeran o cualificativo de “mentireiro” por parte do deputado e portavoz local do PP, Rubén Lorenzo. «Non lle tomo a mal que me chamase mentireiro en sede parlamentar, é normal cando non se ten experiencia política e se descoñece o procedemento administrativo», rematou o alcalde.

Podes escoitar as declaracións íntegras neste vídeo.