O deputado do BNG no Parlamento de Galicia Daniel Pérez iniciou no IES Alfredo Brañas unha rolda de visitas aos centros de secundaria de Carballo coa finalidade de coñecer de primeira man como están a vivir este comezo do curso, “que dende o noso punto de vista está sendo caótico e improvisado”, tal como lle trasladou á directora do instituto, Mónica Mariño.
Daniel Pérez, que estivo acompañado polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo comezar a xuntanza expresando o seu apoio incondicional á comunidade educativa e dun xeito moi especial aos equipos directivos, “porque a Xunta deixouvos vendidos”, dixo. O deputado nacionalista aludiu ao malestar que vén recollendo o BNG en todos os centros, e que se ratificou no Alfredo Brañas, onde a improvisación, a irresponsabilidade e a falta de colaboración da Consellería de Educación impediron ata o momento o comezo das clases.
Fronte a esa actitude da Administración, o deputado do BNG asegurou que a responsabilidade amosada polos equipos directivos “é para quitar o sombreiro, porque se vos o curso non sairía adiante”. Daniel Pérez, que se achegará nos vindeiros días aos outros dous centros de secundaria carballeses, quere coñecer de primeira man a situación de cada un deles e poñerse á súa disposición para trasladar ao Parlamento de Galiza cantas iniciativas sexan necesarias nesta situación excepcional e que require, máis ca nunca, do compromiso político e social cun ensino público de calidade.