Neste momento estás a ver Evencio Ferrero aproveitou o encontro veciñal de Sísamo para poñer en valor o papel dos consellos parroquiais

Evencio Ferrero aproveitou o encontro veciñal de Sísamo para poñer en valor o papel dos consellos parroquiais

“Traballar por Carballo merece a pena”, dixo Evencio Ferrero en Sísamo, e comprometeuse a seguilo facendo “con toda a ilusión do mundo”, a mesma coa que volve a presentarse ás eleccións e a mesma coa que convidou á veciñanza da parroquia “a sentirse orgullosa de ser de Sísamo, de ser de Carballo”.

O alcalde e candidato á reelección estivo acompañado por Maica Ures, Xosé Regueira, Belén Lendoiro e Luis Lamas no segundo dos 17 encontros coa veciñanza que que levaremos a cabo ao longo da campaña electoral para presentar #omellorparacarballo, un programa que reúne as nosas propostas para seguir facendo de Carballo un bo lugar para vivir.

E na consecución dese obxectivo resulta fundamental a participación veciñal. Evencio Ferrero puxo en valor o papel que están a desempeñar os consellos parroquiais como canles de transmisión das necesidades da cidadanía. “Ás veces é duro, porque a xente quere que se faga todo, e todo a un tempo é imposible; pero grazas aos consellos parroquiais tamén é posible establecer as prioridades, e así se fixo, por exemplo no caso de Sísamo, coa travesía, que por fin será unha realidade, ou coa pavimentación do rueiro dos Vilares. Grazas aos consellos fóronse facendo moitas cousas”, asegurou.

O alcalde reiterou o compromiso do BNG con esta fórmula de participación veciñal. “É importante saber escoitar, que penso que é unha das virtudes do noso goberno; pero tamén saber priorizar, e isto faise coa colaboración da veciñanza”, manifestou Evencio Ferrero ante unha trintena de persoas.

Tanto Evencio Ferrero coma Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e número 3 da candidatura, aludiron aos distintos contratempos que xurdiron ao longo da tramitación da obra da estrada provincial que une Sísamo con Carballo, e cuxo arranxo é unha prioridade absoluta para a veciñanza. Nestes momentos só falta un informe de Augas de Galicia para que o Concello poida licitar a terceira e última fase da travesía, na que se realizará un investimento de 2,4 millóns de euros: 1.789.000 financiados pola Deputación e 652.006 polo Concello. A participación municipal, que é posible grazas á capacidade de investimento que ten o Concello, permitirá dotar de servizos de saneamento e abastecemento de auga todo o percorrido, ademais de instalar mobiliario urbano e realizar o axardinamento. Máis detalles en O mellor para Sísamo.